Compromiso solicítalle a AGE que “deixe de facerlle o xogo ao PP”

Responsabilidade e respecto polo parlamento. É o que o secretario xeral de Compromiso por Galiza, Xoán Bascuas, reclamou hoxe a AGE arredor da situación do deputado Fernández Calviño. Bascuas pediulle a AGE que deixara “de facerlle o xogo ao PP”. 

Xoán Bascuas
photo_camera Xoán Bascuas

“Que acaben dunha vez co patético espectáculo derivado da situación de deputado Fernández Calviño”, sinalou Xoán Bascuas despois dun encontro con militantes da comarca de Compostela segundo a súa propia organización mediante unha nota de prensa informou aos medios. Para Bascuas, a situación de Fernández Calviño mantendo a acta de deputado malia estar xa incorporado á Universidade de Copenhague supón reforzar a intención de Feijóo de reducir escanos no Parlamento “que recortaría en democracia e en pluralidade política”.  De persistir nesta actitude, para CxG, “estaría facendo o xogo ao Partido Popular de que non son necesarios o número actual deputados e deputadas”

Considera Bascuas que, con esta actitude, AGE está a “reproducir as vellas formas de facer política das que tanto quería fuxir”,  optando mesmo por reducir un escano antes de que tome posesión a segunda da lista por Ourense Carme Iglesias Sueiro. Para Xoán Bascuas o problema non reside na posibilidade de acudir aos plenos xa que, ao seu ver, “existe moito traballo diario en comisión, que é o verdadeiro motor de actividade parlamentaria”. Rematou o secretario xeral de Compromiso por Galicia facendo un chamamento á cordura e á sensatez e ao respecto de AGE tanto ao Parlamento como á cidadanía de Ourense e ao resto de deputados e deputadas.

Comentarios