Compromiso quere unha candidatura nas xerais “ao xeito da Marea Atlántica”

O Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, aposta por que o 25 de xullo sexa o punto de partida para o lanzamento dunha “plataforma cidadá galega de cara as vindeiras Eleccións Xerais, “que adoptando o nome que adopte, debería parecerse ao que foi a Marea Atlántica da Coruña”.

Compromiso por Galicia aposta por unha candidatura para as xerais que sexa espello da Marea Atlántica da Coruña, onde, segundo o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, “quen se puxo diante a liderar foi a cidadanía e detrás a empurrar as organizacións políticas, sen veto a ninguén”. Afirmou que lle gustaría que a candidatura “se marcase como obxectivo ter un grupo parlamentario propio, nidiamento galego e que sirva para propiciar un cambio político”.


No transcurso das xornadas de Política Municipal que Compromiso celebrou en Lalín, Bascuas falou da “necesidade” de dar “os pasos necesarios” para que o vindeiro 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, sexa “unitario”, pero, matizou que “ten que ser a propia cidadanía quen asuma o rol de protagonista, e que as organizacións sexan instrumentos que a acompañen”.

Comentarios