A FóRMULA UNITARIA TERíA DE SER SEN NINGUNHA SIGLA PARTIDARIA NO NOME DA CANDIDATURA E NAS PAPELETAS

Compromiso procurará a unidade até o final e, caso de non a lograr, non irá ás xerais

Compromiso por Galicia decidiu procurar a unidade até o último momento. Pon como condición que nin o nome da candidatura nin a papeleta contemplen ningunha sigla partidaria. No caso de non conseguir a unidade, a militancia desta formación decidiu que non concorrerá ás xerais.

[Imaxe: Compromiso por Galicia]
photo_camera [Imaxe: Compromiso por Galicia]

Finalmente, a militancia de Compromiso por Galicia decidiu apostar de forma proactiva na unidade até o final. En caso de non o lograr, decidiu que a formación non concorrerá ás xerais e que avogará na liberdade para apoiar, a título individual, calquera das candidaturas. As persoas que participaron na Convención Nacional buscarán a unidade sempre e cando a fórmula non conteña sigla partidaria ningunha, nin no nome da candidatura nin nas papeletas.

O sector encabezado por Rafa Cuíña, alcalde de Lalín e membro da Coordinadora de Iniciativa pola Unión (IpU) fica satisfeito ao lograr o seu obxectivo principal: non concorrer ás eleccións xerais en coaligazón con forzas estatais. Na primeira votación, a opción apoiada por Cuíña acadou o 49% dos votos; a de concorrer na candidatura que resulte do proceso iniciado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega logrou o 39% e a de ir nunha candidatura de partidos cos centros de decisión en Galiza acadou o 12% dos votos.

Na segunda volta, os votos para a opción gañadora ascenderon ao 60,9% e os votos das persoas partidarias de sumarse á candidatura impulsada pola Marea Galega obtiveron o 38% dos votos.

En declaracións aos medios logo da votación, o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, expuxo que “damos a ver en que consiste a nova cultura política, que non é outra cousa que empoderar a xente, a nosa afiliación, para decidir que facer nos comicios electorais”. Bascuas amosouse "orgulloso" do "exemplo de democracia participativa e de aplicación da intelixencia colectiva". Dado o resultado, salientou que "pelexaremos até o último minuto para que haxa candidatura unitaria, e senón non concorreremos ás eleccións e daremos liberdade”.

Comentarios