Bascuas, Piñeiro, Mosquera e Núñez

Compromiso presenta os seus cabezas de lista ás eleccións galegas

O Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia aprobou na mañá do sábado Compostela os seus cabezas de lista –ningunha muller- ás vindeiras eleccións ao Parlamento Galego. Convértese, así, na primeira formación política en presentar os seus catro cabezas de cartel.

Candidatos de Compromiso ás eleccións galegas
photo_camera Candidatos de Compromiso ás eleccións galegas

Compromiso por Galicia adiantouse ao resto das formacións políticas e aprobou este sábado en Compostela os cabezas de lista que concorrerán ás eleccións galegas. Segundo informa o partido nun comunicado de prensa, encabezarán as candidaturas Xoán Bascuas, que amais de ser o número 1 pola Coruña, será o aspirante á presidencia da Xunta; Andrés Núñez Rajoy, por Pontevedra; Juan Carlos Piñeiro Docampo, por Lugo, e Xosé Mosquera Castro, por Ourense.

Os catro cabezas de cartel, todos homes, son resultado dun proceso de eleccións primarias abertas, segundo indica a formación política, que advirte de que o resto das listas serán “en formato cremalleira”. Xoán Bascuas, secretario xeral de Compromiso e candidato á Xunta, sinala que “aproveitaremos a campaña eleitoral para nos reafirmar no noso discurso galeguista, progresista e socialdemócrata”.

Compromiso por Galicia, que non se presenta aos comicios estatais, está centrado na convocatoria electoral de outono após decidir presentarse en solitario ás eleccións galegas.

Comentarios