Listaxes abertas co lema "Proxecto de País" no congreso constituínte de Compromiso por Galicia

CxG elixirá este domingo en Teo o seu novo Consello Político Nacional e secretario xeral, para alén de debater e marcar as liñas políticas e organizativas da organización de cara aos vindeiros anos. A poucas horas de rematar o prazo a única candidatura é a de Xoán Bascuas.

A afiliación de Compromiso por Galicia  ten unha cita este domingo, día 16, en Teo, concello próximo a Compostela, onde se realizará o congreso constituinte desta organización política. "Proxecto de País" é o lema desta cita, da que sairá o Consello Polítco Nacional, a Executiva e o sectreario xeral de CxG. O día 12 de decembro ás 18 horas péchanse os censos para poder participar con plenos dereitos.

Nos textos que se someterán a debate o domingo no Hotel Congreso recollen unha proposta de estatutos e outra de relatorio político. Aliás, a formación liderada até o de agora por Xoán Bascuas debaterá sobre a "afirmación e afondamento dos valores de liberdade, igualdade, xustiza e pluralismo político nunha sociedade vertebrada baixo os principios de inclusión e cohesión social".

Libre determinación de Galiza

Tamén apunta "a defensa e afondamento do autogoberno de Galiza e da súa libre determinación como nación no marco dunha convivencia libremente aceptada e reciprocamente útil cos demais pobos do Estado español e da Unión Europea, pulando , neste senso, por un marco xurídico-político que articule España como Estado plurinacional e a Unión Europea dun xeito federal, fundamentado nos dereitos da súa cidadanía e dos pobos e nacións que a integran".

Compromiso por Galicia nacera no mes de maio despois do acordo entre Acción Galega, Espazo Ecosocialista e +Galiza. Antes das eleccións desenvolvidas o pasado 21-O Espazo Ecosocialista decidiu finalmente sumarse a outras forzas integrándose en AGE. Após os resultados electorais, onde CxG non conseguiu representación no Parlamento Galego, a formación que lidera Xoán Bascuas abriu un período de reflexión que comezou o 27 de outubro coa Convocatoria de Asemblea Nacional Constituínte en xuntanza do Consello Político Nacional, a aprobación das propostas de Estatutos, Orde do Día e Relatorio Político o 24 de novembro e as asembleas comarcais que se celebrarán até o 8 de decembro. O paso seguinte é o ditame de emendas e remisión ás comarcas por parte do Consello Nacional e a Asemblea Nacional Constituínte que terá lugar o 16 de decembro.

Nas emendas ao texto político houbo dúas grandes tendencias: a dun perfil de esquerda socialdemocrata e a dun perfil progresista.

Funcionamento do Congreso

Despois do debate das emendas ao texto político e organizativo elixirase este domingo, a través do sistema de listaxes abertas, 15 mulleres e 15 homes. Logo terá lugar a elección d@ Secretari@ Xeral de entre estas trinta persoas electas, das que oito pasarán a formar parte da futura executiva.

Nos debates anteriores a esta asemblea xurdiron tres grandes temas de cara a aprobar un texto final. O primeiro é a cuestión do perfil do partido político que xurdirá despois desta fin de semana. Dúas grandes tendencias son as que tiveron máis aceptación: a dun perfil de esquerda socialdemocrata e a dun perfil progresista. O segundo grande tema é o da forma de goberno que se defenderá desde CxG. Neste apartado hai dúas posturas ben diferenciadas: a da autonanacionalidade e a da soberanismo. por último esta o tema organizativo: a división territorial do propio partido en provincias ou non.  

Rematado o prazo só hai unha candidatura á secretaría xeral, a do actual coordinador xeral, Xoán Bascuas.

Comentarios