Día da Patria Galega

Compromiso por Galicia reclama “unidade de acción”

“O galeguismo que flúe” foi o lema elixido por Compromiso por Galicia para celebrar o Día da Patria Galega cunha ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres e cun xantar e mais un acto político en que se reivindicou a “unidade de acción”.

Compromiso por Galicia
photo_camera [Imaxe: CxG]

Compromiso por Galicia conmemorou o Día da Patria Galega coa tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres. Un roteiro polo “Santiago galeguista” deu paso ao xantar e acto político no parque de Eugenio Granell, desde onde Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral da organización política, reclamou “unha unidade de acción pola nación galega”.

Juan Carlos PiñeiroO galeguista pronunciou o seu discurso perante un cento de militantes e simpatizantes do partido político, que estivo arroupado por Mireia Zárrate e Joseba Aurrecoetxea, do PNV, por Jordi Xuclá de PDCat e por Amélia Ribeiro, do Partido Demócrata Republicano do Portugal.

Piñeiro referiuse aos resultados nas últimas citas electorais como “unha forte hemorraxia” e cualificounos como “malos para Compromiso e tamén para Galicia”. "Mais non nos rendemos na acción política galeguista, toca seguir traballando, toca perseverar e renovar o votos para con Galicia, ese é o senso desta festa”, sinalou.

Nesta liña, o secretario xeral de CxG apostou nunha “Galicia mellor no social e forte no económico”, “nunha Galicia con autogoberno e con políticos ao servizo da xente e non dos partidos”.

Criticou BNG e En Marea por non asinar un acordo con Compromiso nas eleccións estatais e avogou por seguir “loitando por unha nación referente no ecolóxico e na igualdade, como xa foi a cultura castrexa”. “Unha opción de maiorías sen dogmas e sen que o peso ideolóxico sexa prioritario. Cómpre unha unidade de acción pola nación galega, imos traballar iso”, salientou.

Antes de concluír, cargou contra o PSOE, a quen acusou de ser “centralistas sen complexos” e contra “a súa muleta”, que “terá que explicar o 155 e 135 da Constitución”. Rematou chamando a “renovar os votos con responsabilidade e traballo para ocupar o espazo que nos corresponde”.

Comentarios