Contactará con BNG e En Marea

Compromiso por Galicia quere unha candidatura de partidos galegos para o 28A

Compromiso por Galicia vén de propoñer unha “roga de partidos galegos para o 28A”. Fíxoo nun comunicado de prensa en que anuncia, ademais, que se dirixirá especificamente a BNG “e tamén a En Marea” para “abrir unha canle de exploración”.
 

Juan Carlos Piñeiro
photo_camera O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro Docampo. Foto: cedida.

Para a formación galeguista, dirixida por Juan Carlos Piñeiro Docampo, “o chamado ao voto útil, a deriva dos acontecementos e as posicións na votación dos Orzamentos Xerais do Estado” son síntomas da necesidade “de que a clase política galega faga un esforzo co obxectivo de ter un grupo político propio con centro de decisión exclusivo en Galiza”.

A proposta de Compromiso por Galicia, cuxo cargo público de maior relevo é o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, coincide con outras mensaxes emitidas desde diferentes ámbitos galeguistas e nacionalistas. A deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández -que votou contra a tramitación dos Orzamentos, en coincidencia coa directriz da cúpula galega de En Marea mais a diferenza dos seus compañeiros de grupo parlamentario- expresou nun artigo publicado en La Voz de Galicia a súa preferencia por acordos entre “forzas de obediencia galega”.  

“Para ter, na fin, unha representación xenuinamente galega nas cámaras do Estado fai falla xenerosidade nos partidos galegos”, engade Piñeiro Docampo.

Compromiso por Galicia bautizou a súa iniciativa como Roga Galega -“unha figura tradicional e colaborativa, unha colaboración de veciños”. “Apostamos nunha coalición estratéxica e xenerosa de forza con centro de decisión exclusivamente no País”, insistiu, “é unha situación excepcional e require dunha visión política plural e de arriscar todos para conseguir representar os intereses galegos con autonomía e independencia”.

A organización convoca así ás direccións de BNG e de En Marea vía carta a unha xuntanza o vindeiro 28 de febreiro, ás 19.30 horas, nun coñecido restaurante compostelán.

Comentarios