Mar

Compromiso por Galicia organizará unha conferencia europea en prol da pesca galega

O candidato ás eleccións europeas de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro Docampo, anunciou nunha visita a Expomar a celebración no noso país dunha conferencia europea “ao máximo nivel” para tratar os temas cruciais da pesca galega.

juan carlos
photo_camera Piñeiro Docampo en Expomar

Unha conferencia europea para tratar as problemáticas da pesca galega decorrerá en Galiza no vindeiro mandato da Unión Europea, segundo anunciou Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia e candidato por esa formación á eurocámara, dentro da coalición CEUS, xunto ao PNV e Coalición Canaria.

Desde Expomar, feira do sector marítimo-pesqueiro que se celebra estes días en Burela, Piñeiro Docampo anunciou a celebración da conferencia europea de pesca “ao máximo nivel” na que participarán deputadas e deputados de diversos países do Partido Demócrata Europeo (do que forman parte PNV e Coalición Canaria) e de ALDE, o eurogrupo dos partidos liberais. Nese sentido indicou que tanto PDE como ALDE “serán forzas clave na gobernabilidade en Bruxelas e estarán na nosa terra da man de Compromiso por Galicia”

Piñeiro salientou que Galiza é unha referencia mundial en pesca e acuicultura

Durante a visita a Expomar, Piñeiro salientou que Galiza é unha referencia mundial en pesca e acuicultura e precisa que os socios europeos coñezan o sector para tomar posicións relativas o Brexit e á política pesqueira común.

Compromiso por Galicia traballa en colaboración co PDE para que o encontro internacional de pesca se celebre no segundo semestre de 2019

Nese marco, Compromiso por Galicia traballa en colaboración co Partido Demócrata Europeo e o Instituto Demócrata Europeo para que o encontro internacional de pesca se celebre durante o segundo semestre de 2019. Virán a Galiza, segundo indicou Piñeiro, representantes de países como Portugal, Eslovenia, Francia, Bélxica, Alemaña, así como membros do PNV e Coalición Canaria, integrantes xunto a Compromiso por Galicia da coalición CEUS para as eleccións europeas.

O obxectivo do encontro é falar directamente co sector da pesca en Galiza e así poder influír nas decisións europeas. “É prioritario que o sector pesqueiro e acuícola galego estea presente na toma decisións, para o seu propio beneficio”, advertiu Piñeiro Docampo.

Comentarios