mércores 29.01.2020

Compromiso por Galicia apoia a candidatura do BNG ás eleccións estatais

Compromiso por Galicia (CxG) apoia explicitamente a candidatura do BNG ás eleccións estatais que terán lugar o próximo 10 de novembro. Ambos os partidos porán de manifesto esta segunda feira a necesidade de que Galiza posúa voz propia e soberana nas Cortes do Estado.
 

Imaxe de arquivo dun acto de Compromiso.
Imaxe de arquivo dun acto de Compromiso.

Por ser unha "candidatura de país", Compromiso por Galicia apoia de maneira expresa a candidatura do BNG ás eleccións estatais do 10 de novembro. Juan Carlos Piñeiro, portavoz de CxG, e Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque compartirán unha rolda de imprensa na mañá da segunda feira para explicitar o apoio de Compromiso por Galicia á listaxe do BNG.

Ambos os partidos concordan "na necesidade de a Galiza posuír voz propia, soberana, nas Cortes do Estado, desde a convicción de seren as forzas políticas galegas, non subordinadas a ningunha outra de ámbito estatal, quen de defenderen con liberdade e garantías os intereses, dereitos, propostas e aspiracións do pobo galego", segundo tivo coñecemento Sermos Galiza.

Unha decisión que se adopta indícase desde o BNG desde "as evidentes diferenzas políticas e ideolóxicas" co Bloque e a diferenza "doutras formacións formalmente galegas que buscaron alianzas con forzas españolas"-

Fontes próximas a ambos os partidos confirman que as listaxes do BNG incorporan militantes de CxG. Así, como número 6 pola Coruña concorre Montserrat Almozara Cordeiro; como número 5 por Pontevedra, Berta Roldán Pimentel; como suplente ao Senado por Lugo preséntase Xabier Vázquez García, ao igual que Celso Sánchez González por Ourense.

Decálogo

Malia as "lexítimas diferenzas ideolóxico-políticas de dous proxectos políticos tamén distintos", ambos os actores asumen un total de dez principios que asinarán na mañá da segunda feira, entre os que se atopa o feito de recoñecer Galiza como unha nación con dereito á autodeterminación; a demanda "dun avance que implique máis capacidade de decisión desde o Goberno e Administración galegas: concerto económico e Facenda Galega e transferencias competenciais"; a defensa da lingua e a restauración de usos sociais e completa normalización do galego e a "defensa do emprego digno na terra e do avance nos dereitos laborais" e, nesta liña, pensións dignas e un sistema público garantido.

Ambas as formacións apostan nunha banca pública galega ao servizo do desenvolvemento económico do país; na reactivación da economía galega e da súa capacidade produtiva, con recursos naturais ao servizo do pobo galego e cunha tarifa eléctrica galega e a promoción das enerxías renovábeis; en políticas feministas para avanzar nos dereitos das mulleres; en servizos públicos de calidade; na defensa do medio ambiente e na democracia, dereitos e liberdades, coa derrogación do marco legal regresivo e garantías no exercicio e dereitos democráticos, así como coa recuperación dos bens espoliados polo franquismo.

O BNG informou a súa militancia na mañá da segunda feira, a través dun correo electrónico, do apoio de CxG á súa candidatura, que fora aprobada no Consello Nacional que tivo lugar o 28 de setembro. A fin de semana anterior, Compromiso por Galicia desenvolvera o seu terceiro Congreso Nacional en Compostela, onde reivindicara unha candidatura "unitaria" de cara ás eleccións estatais. Unha listaxe "con centro de decisión na Galiza". O partido liderado por Piñeiro obtivo nos comicios de abril 2.760 papeletas, 0,17% dos votos. 

O Bloque suma apoios

Alén do apoio expreso de CxG, o BNG acumula apoios como candidatura cento por cento galega, "sen subordinacións" a partidos estatais, coa incorporación nas listas de perfís que proceden da esfera do independentismo, como o de Bruno Lopes Teixeiro, membro da Fundaçom Artábria, activista pola lingua, un dos portavoces de Vía Galega e ex militante de Nós-UP.

comentarios