Compromiso enceta o proceso para elixir o candidato ou candidata á Xunta

Após de votar maioritariamente o 17 de abril concorrer en solitario ás eleccións galegas, Compromiso por Galicia encetou na mañá do sábado o proceso de elección da persoa que encabezará o cartaz da formación política.

CPN_COMPROMISO_CONSELLO_WEBG

Compromiso por Galicia elixirá o seu candidato ou candidata á presidencia da Xunta nunhas eleccións primarias abertas a todas as persoas que desexen participar. Así o anunciou na mañá do sábado o partido, que aprobou o regulamento destes comicios.

“Con isto abrimos xa o procedemento para elixir o noso candidato ou candidata á presidencia da Xunta, así como os cabezas de lista das outras tres circunscricións provinciais”, puxo de manifesto o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas.

O proceso para elixir candidato ou candidata concluirá o 29 de maio, día en que terán lugar as eleccións primarias abertas, “convidamos toda a cidadanía galega non só a votar, senón tamén a se presentar como candidatos”, salientou Bascuas.

As eleccións primarias de Compromiso terán lugar un día após de realizar o PSdeG as súas primarias para escoller cabeza de lista.

Comentarios