Compromiso acusa a Xunta de incumprir protección de dados para favorecer o alcalde da Baña

alcalde da baña
photo_camera García Cardeso, alcalde da Baña

Compromiso por Galicia da Baña acusa a Xunta de incumprir o dereito á protección de dados e de dar trato de favor ao alcalde deste concello da comarca da Barcala. Unha acusación que argumentan dede CxG sinalando que o rexedor tense referido públicamente a veciños e veciñas e membros de CxG, citando asuntos persoais procedentes de información que só pode ter a administración pública galega.

 “Algunha vez que nos poñemos en contacto coa administración pública, con diversas Consellerías ou Secretarías Xerais, a información que transmitimos en conversa persoal e anónima é comunicada ao señor alcalde sen o noso consentimento e demostrando un trato de favor e vulneración dos nosos dereitos como cidadáns e cidadás. A administración pública debe ser un organismo completamente imparcial, que trate a información da cidadanía confidencialmente e que baixo ningún concepto se utilice esa información segundo os intereses partidistas da administración”, sinalan desde a formación galeguista.

“O señor García Cardeso, o alcalde da Baña, menciona no pleno, sen ningún tipo de pudor ou reparo, nomes, datos  ou asuntos persoais de  veciños  e veciñas do noso Concello e outras veces realiza acusacións graves cara membros de CxG sen mostrar ningún tipo de proba e incumprindo totalmente o dereito de calquera veciño ou veciña de protección dos seus datos persoais que veñen regulados segundo a  Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal”.

Compromiso cita varios exemplos deste proceder. Así, nun deles, afirma que o alcalde afirmou nun pleno ter escoitado a conversa telefónica  entre o concelleiro de CxG César Ramos e o xefe territorial de Educación, chamada feita dende o teléfono persoal do edil para interesarse sobre o cambio de denominación do CPI de S.Vicente para homenaxear a figura de Avelino Pousa Antelo.

Comentarios