Compostela, a poucas horas de que sete edís vaian a xuízo co apoio de Feijóo e Currás

A poucos días da chamada ás urnas, a corporación santiaguesa comeza o seu desfile xudicial: sete dos seus membros, acusados de prevaricación, terán que dar contas esta segunda-feira, cunha posíbel pena de nove anos de inhabilitación- e aínda faltan as vistas doutros casos como os dous polos que está imputado o alcalde. Polo de agora, ningunha dimisión e Feijóo mirando cara outro lado.

Gerardo Conde Roa e Ángel Currás (arquivo).
photo_camera Conde Roa cede a alcaldía a Ángel Currás

Sete edís do Concello de Santiago, imputad@s por pagar con cartos públicos a defensa de outro concelleiro, Adrián Varela -investigado na Operación Pokémon- sentarán esta segunda-feira no banco dos acusados nun proceso no que se enfrontan a unha pena de nove anos de inhabilitación para cargo público por prevaricación. Malia o suposto código ético do PP, que obrigaría a dimitir ás persoas implicadas, o líder do partido en Galiza e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non interveu e mesmo amosa o seu apoio aos imputados e imputadas. A vista chega na semana das eleccións europeas, en plena recta final de campaña.

O xuízo, que se celebrará nos xulgados de Santiago de Compostela a partir das 10,30 horas, confirmouse despois de que a Audiencia Provincial da Coruña desestimase o recurso d@s concelleir@s -Amelia González, Juan de la Fuente, Cecilia Sierra, María Castelao, Francisco Noya, Luis García Bello e María Pardo-, que defenden a súa inocencia e que "actuaron conforme á legalidade".

@s edís do PPdeG, que se enfrontan a nove anos de inhabilitación especial para o exercicio de emprego ou cargo público, basearan o seu recurso contra o auto de apertura en que ningún funcionario se opuxo ao acordo e en que non houbo vontade de prevaricar.

Ademais do de Feijóo -que dixo que si terían que dimitir se fosen condenados, algo ao que non terían remedio xa que serían inhabilitad@s- @s concelleir@s contarán co apoio -mesmo presencial- do alcalde, Ángel Currás, que di estar convencido dunha sentenza absolutoria, como o presidente da Xunta.

O alcalde substituíu ao condenado rexedor anterior e agora está imputado por dúas causas, a Pokémon e a denuncia dun policía local

O rexedor, que non está imputado nesta causa aínda que si en outras -a Operación Pokémon e o caso a raíz da denuncia dun policía local- non acudiu a aquela xunta de goberno local extraordinaria do 30 de maio de 2013 na que se adoptou o acordo polo que agora se xulgará aos seus compañeiros de corporación.

A estes edís procesados, hai que engadir que un total de tres membros do actual equipo de Goberno compostelano están salpicados pola Operación Pokémon, que investiga unha suposta trama de obtención de contratos públicos en diversos concellos a cambio de subornos, co que dez dos 13 membros do goberno local están imputados nalgunha causa.

Conde Roa

Na operación derivada da 'Pokémon' tamén foi imputado Gerardo Conde Roa, quen dimitiu en abril de 2012 como alcalde da cidade acusado dun delito fiscal por non aboar á Axencia Tributaria máis de 291.000 euros correspondentes ao IVE da venda de 61 vivendas, unha causa pola que xa foi condenado.

Outra causa na que permanece imputado o actual rexedor de Santiago é a aberta a raíz dunha denuncia dun axente da policía local, na cal tamén atopan nesta situación o ex-alcalde Gerardo Conde Roa e á ex-asesora para a coordinación dos corpos de seguridade en Santiago, Mar Hinojosa.

Tamén estase á espera da moi posibel imputación de Paula Prado, antiga concelleira e agora deputada no Hórreo e portavoz do PP en Galiza, que nas conversas gravadas da Pokemon fala de facturas falsas no departamente que dirixía. Feijóo aínda non fixo dimitir á súa número 3.

Comentarios