Bugallo asegura que a moratoria "non é definitiva"

Compostela estuda como limitar o aumento dos pisos turísticos

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que a suspensión cautelar da autorización de novos pisos turísticos aprobada esta semana no pleno municipal "non é definitiva", senón que busca "abrir un período de reflexión de 12 meses" para que se poidan adoptar "as medidas oportunas"
O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo
photo_camera O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo (Europa Press)

"Unha moratoria non é unha paralización definitiva, dámonos 12 meses porque necesitamos facermos estudos e tramitar unha modificación do plan xeral, que non é un documento que se tramite dun momento a outro", explicou onte o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

Na súa intervención, o primeiro edil incidiu en que o consistorio busca "ter os estudos" para poder tomar unha decisión sobre os pisos turísticos e puxo o acento no feito de que a moratoria aprobada no pleno municipal da pasada quinta feira tivese "16 votos a favor e sete abstencións". "Valóroo positivamente, é un nivel de consenso importante", indicou.

Bugallo tamén explicou que o Goberno municipal optou por formular unha moratoria por "cuestións de garantía legal" tendo en conta que en cidades como Madrid ou Barcelona, nas que se optou por ordenanzas, estas "foron recorridas".

"Acudimos ao ámbito urbanístico porque é no que máis clara está a competencia municipal. A competencia turística é exclusiva da comunidade autónoma e o concello só pode velar polo cumprimento da normativa urbanística", sinalou após solicitar a colaboración da Xunta.

"Máis de 80 solicitudes"

O alcalde de Santiago trasladou onte que, na actualidade, o servizo de urbanismo ten "máis de 80 solicitudes" para a posta en marcha de novos pisos turísticos nun contexto no que en Compostela hai "5.600 prazas hostaleiras" e fálase de "até 6.000 en pisos e apartamentos turísticos".

"Supón a mesma oferta que a totalidade de prazas hostaleiras. Isto parécenos desproporcionado e ten unha influencia sobre o prezo da vivenda en Santiago brutal, necesitamos acoutar este problema e xestionalo adecuadamente", sinalou Bugallo.

"Non me asusta que en Santiago poida haber 600 pisos turísticos, o que non podemos consentir é un crecemento desproporcionado", incidiu o alcalde compostelán, que cifrou en 641 os pisos autorizados na cidade  que se elevan até uns "1.500" en épocas como a estival.

Comentarios