Compostela: a batalla das remunicipalizacións

Devolver servizos e privatizados ao dominio público foi un eixo discursivo do heteroxéneo mundo das mareas e confluencias en 2015. Mais o paso da palabra ao acto deixou poucos exemplos. Un deles foi en Santiago de Compostela, onde o Goberno local que encabeza Martiño Noriega remunicipalizou a ORA e o guindastre e agora prometen facer o mesmo coa auga “polo ben común”.
 

Folleto-ORA
photo_camera Detalle do pasquín de Compostela Aberta en que defende a remunicipalización da ORA e o guindastre. Imaxe: Compostela Aberta.

Na capital do país, a empresa Setex Aparki encargábase de cobrar por aparcar e da retirada dos vehículos que o facían mal. Mais un xuíz declarou nulo o contrato. Foi daquela, no outono de 2015, que o Executivo de Compostela Aberta decidiu consultar se era posíbel a xestión directa do servizo. A empresa municipal de transporte Tussa estudouno e a resposta foi afirmativa. O proceso, regulamentado polo miúdo, iniciouse en decembro de 2016.

No pleno dese mes, Compostela Aberta contou só co apoio do BNG. PP e PSdeG opuxéronse. “No PP era unha resistencia agardada”, explican fontes gobernamentais, “no PSdeG volveu evidenciarse a esquizofrenia en que viviu este mandato. Pedía un calendario da remunicipalización e logo votaba en contra. O Bloque facilitouno finalmente, aínda que non parece unha prioridade para eles”.

Non foron as políticas as únicas resistencias. Algúns funcionarios municipais non vían as posibilidades legais de reverter no público o privado. Outros si. A interpretación da lei -que implica moitas máis restricións e dificultades para remunicipalizar que para privatizar- foi outra das batallas chave, por caso no referente á subrogación dos traballadores. “Puxemos por diante o dereito dos traballadores a manter o seu emprego”, afirman as mesmas fontes. Trinta e seis empregados da ORA e o guindastre pasaron a ser persoal laboral dunha empresa pública do Concello de Santiago.

"A auga é un dereito humano esencial"

Noriega abriu a campaña electoral para o 26 de maio cun chamado a continuar a vía remunicipalizadora. Agora a batalla que pretende dar é a da auga. “Temos a constancia de que unha ampla maioría da veciñanza apoia a xestión deirecta da auga para garantir máis eficacia e transparencia”, manifestou á prensa este 10 de maio, “a marxe de beneficio do servizo permitirá implantar políticas públicas polo ben común”.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, puxo a argumentación de fondo: “A auga é un dereito humano esencial, e por iso non debera ser mercantilizado como agora. Só así se garante un acceso igualitario para todas as persoas”. Durante o período de Noriega como alcalde de Teo, este municipio asumiu o servizo. A súa pretensión é facer o mesmo en Compostela “no primeiro tramo de mandato, porque xa hai moito camiño andado”.

Comentarios