A Comisión de Pesca da UE ve "inaceptábel" a prohibición do xeito

O seu presidente, Alain Cadec, díxolle á delegación de xeiteiros e BNG que viaxaron até Bruxelas a defender esta arte: "Levade a Galiza a mensaxe de que esta comisión vos apoia".

[Imaxe Delmi Álvarez]
photo_camera [Imaxe Delmi Álvarez]

A Comisión de Pesca da Unión Europea non ve motivo nin argumento algún para prohibir o xeito, proposta que figura nun proxecto da Comisión Europea que está a ser emendado e debatido en Bruxelas. Así o manifestou o presidente da Comisión, Alain Cadec, á delegación do xeito integrada por mariñeiros, patróns maiores, alcaldes e representantes do BNG (o deputado Daniel Rodas e Ana Miranda). 

"Levade a Galiza a mensaxe de que a Comisión vos apoia", enfatizou Cadec. Unha afirmación que supón un paso adiante de gran importancia para este sector da pesca artesanal (426 barcos en Galiza). 

Ao longo da xornada, xeiteiros e representantes do BNG mantiveron reunións e xuntanzas con diferentes cargos da UE para lles explicar de primeira man que o xeito non é unha arte de deriva como as volantas (e que centran a proposta de prohibición da UE), senón unha arte artesanal, sostíbel e non lesivo para especies mariñas coma os golfiños.

"Facer o traballo que non fixo o goberno"

Mariñeiros enfatizaron que nesas xuntanzas amosouse que o goberno galego e o español non "cumprioron coas súas obrigas" de informar á UE o que realmente era o xeito e defenderon a pesca artesanal galega. Ana Miranda mesmo amosou en varias ocasións unha rede dox eito para que os propios representantes da UE puideran verificala e comprobar que non esquilma.

O deputado Daniel Rodas emprazou á UE a "resolver o problema que vós mesmos creastes" e pediu máis apoio á psca artesanal fronte á pesca industrial. Os xeiteiros insistiron en que é un aparello sostíbel e fonte de traballo para centos de familias na costa galega.

Comentarios