Comezou a campaña: ou mobilización ou abstención, ou a Galiza ou a Troika

Pistolada de saída á campaña para o Parlamento europeu. 15 días que decidirán se vence a mobilización ou se se impón a abstención. 15 días para que Galiza se abra paso no temario da contenda eleitoral.

bng


Estas dúas semanas de campaña permitirán visualizar se Galiza aparece con forza en escena, contra o guión dos partidos estatais, que claramente queren situar o centro de gravedade do combate eleitoral arredor da conquista de Madrid. No limiar da campaña, salienta o inquérito do CIS, segundo o cal a candidatura soberanista e de esquerdas do BNG si estará en Bruxelas.

Dous pares de contrarios serven para explicar ben de que vai esta campaña. Ou mobilización (á que chaman o nacionalismo e a esquerda) ou abstención (inducida polo bipartidismo, moi castigado nos inquéritos e que, por iso mesmo, optan por un perfil baixo, para mobilizar só as suas parroquias máis adictas). E ou Galiza ou a Troika. Isto é, ou a aposta en que Galiza e os seus problemas se fagan presente na campaña ou a aposta tácita en que continúe o reinado da Troika. Tácita porque ningún partido, nen sequer o PP, se apresenta defendendo as políticas actualmente en curso, embora as apoie, como tamén o PSOE, como puxeron de relevo no momento en que pactaron a reforma neoliberal da Constitución española.

Primeiros titulares

Foise o BNG a estrear campaña en Vigo, unha novidade nos usos da frente nacionalista (a tradición marcaba sempre abertura na capital do país). Primeira frase de Ana Miranda, primeira mensaxe que o BNG quer colocar nos meios: "Se o BNG está, Galiza está. Para defender este país das políticas desta Europa que nos esmaga".

"Se o BNG está, Galiza está. Para defender este país das políticas desta Europa que nos esmaga" (Ana Miranda)

Outra ideia forza: "O Bloque é o equipo de casa". O BNG a marcar territorio. E o BNG a defender tamén a súa traxectoria na Eurocámara, a da propia Ana Miranda, unha muller nova mais con grande experiencia ás súas costas en Bruxelas, primeiro como asistente de Camilo Nogueira e logo xa como eurodeputada, na pasada lexislatura. "O BNG defende Galiza por riba de todo. Como fixemos sempre", dixo. Non en van, acrecentou, "o BNG foi a voz de Galiza no Parlamento europeu, proque se o Bloque está, Galiza está".

Lidia Senra (Anova) chama a "devolver o poder ás maiorías agredidas pola UE"

"Se o Bloque está, Galiza está" é a frase que patentou O Carrabouxo na súa faiscante actuación -oficiou de presentador, canda Isabel Risco- no Encontro Nacional Aberto que o BNG realizou en Santiago a finais de abril. É unha palabra de orde especialmente cara aos nacionalistas galeg@s, a relación metonímica entre BNG e Galiza. Moi gráfica. E real. Ninguén na Eurocámara pon en dúbida o extenuante traballo a prol de Galiza realizado por Miranda como eurodeputada.

AGE si elixiu Santiago para dar inicio a campaña. A súa candidata Lidia Senra -número 5 da listaxe que lidera IU e encabeza Willy Meyer (PCE)- arengou a simpatizantes e militantes coa mensaxe de que o 25-M hai que "devolver o poder ás maiorías sociais agredidas polas políticas de austeridade da UE".

"Estamos fartas de que os de sempre decidan por nós", remarcou.

Por súa parte, o candidato de Compromiso por Galicia, Paulo Carlos López, acusou a PP e a PSOE de "iren en coligación coa abstención" porque o seu obxectivo é que "nada se mova e que todo fique igual".

Forzas estatais

No que ten a ver coas forzas políticas estatais, o PP abriu campaña en Galiza cun acto en que o protagonista foi non Millán Mon -cuñado de Rajoy, único candidato galego conservador con opcións a escano-, senón Feijóo. O presidente da Xunta pediu o voto para "non voltar á debilidade e ao pasado", en alusión ao PSOE.

Desde Vigo, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, replicou a Feijóo que "a direita só trae paro e incerteza".

Comentarios