Comesaña sitúa o problema da Atención Primaria na dispersión e en Madrid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu esta terza feira comparecer no Parlamento, a novena vez que o fai desde que é titular deste departamento. Unha intervención desta volta na que repasou as medidas adoptadas pola Xunta a respecto da Atención Primaria (AP), un servizo cuxas carencias levan meses acumulando queixas de profesionais e protestas cidadás.
Julio García Comesaña, Montse Prado e Julio Torrado. (Fotos: Parlamento)
photo_camera Julio García Comesaña, Montse Prado e Julio Torrado. (Fotos: Parlamento)

O conselleiro situou a orixe dos problemas na Atención Primaria no que cualificou como "exasperante inacción do Goberno central" para permitir paliar o déficit de persoal. E tamén na dispersión poboacional. Tanto o BNG como o PSdeG sinalaron noutras orixes os problemas: os recortes.
Julio García Comesaña subiu ao atril do Parlamento galego consciente de que a situación na Atención Primaria na Galiza é unha preocupación de primeira orde para miles de galegos e galegas.

As últimas e concorridas mobilizacións en lugares como O Grove ou Soutomaior, por pór só dous exemplos, son un termómetro do malestar existente ante o deterioración do servizo. Comesaña compareceu esta terza feira para ofrecer un relato no que a Xunta fai todo o posíbel pola AP mais todo esforzo é en van ante a "inacción" do Goberno español en materia de persoal, evitando que poida haber máis médicos.

"Pedro Sánchez é Sauron [o malo de O Señor dos Aneis]", ironizou Julio Torrado, voceiro de Sanidade do grupo parlamentar do PSdeG, para reprochar ao conselleiro que deite todos os males no Executivo estatal.

Pasado, presente e futuro

O conselleiro explicou que na Galiza hai 460 centros de AP, 14% dos que hai no Estado cando somos 5,7% da poboación. Unha presenza derivada da dispersión poboacional e que Comesaña apuntou como unha explicación da necesidade de ter tantos médicos. De estar a poboación máis concentrada, apuntou, farían falla menos profesionais e non habería tantos problemas.

Unha explicación que non deixou de sorprender a Montse Prado, portavoz de Sanidade do grupo parlamentar do BNG, que lembrou ao conselleiro que a dispersión é unha característica da Galiza que xa existía "moito antes de que vostede fose conselleiro" e que a súa obriga como tal "é xestionar o sistema sanitario" contando con iso.

O titular de Sanidade defendeu que no que vai de ano se realizaron 22 millóns de consultas en AP e puxo en valor medidas impulsadas pola Consellaría como o sistema de atención telefónica Xide ou as dirixidas ao que cualificou como "empoderamento enfermeiro" [autonomía destes profesionais para dispensar determinados medicamentos].

Anunciou tamén que nas vindeiras semanas e meses haberá novas actuacións, como que a Xunta habilitará a solicitude de renovación de receitas a través da aplicación SergasMóbil; ou programará a revisión en Atención Primaria de perto de 75.000 pacientes crónicos ou pluripatolóxicos.

Mais falar de AP é falar da falla de persoal que centra as preocupacións e denuncias de sindicatos, organizacións de defensa da saúde pública e asociacións veciñais. E nese punto o conselleiro sinalou co dedo a Madrid, onde situou toda responsabilidade de non poder ter persoal médico abondo.

"Voadura da Primaria"

Mais as explicacións non convenceron a oposición. "O seu relato é que isto é o que hai e non se pode facer outra cousa", reprochoulle Montse Prado. A deputada nacionalista cualificou como "voadura da Atención Primaria" o que está o PP a facer coa política de "recortes" en orzamentos e persoal e convidou o conselleiro a escoitar o malestar cidadán.

"Non son vostedes quen de captar nin de reter profesionais", criticou, ao tempo que incidía na "precariedade" que aniña entre o persoal sanitario. "Rouban aos galegos o dereito a unha sanidade pública, gratuíta e universal" para seguir unha "folla de ruta" a favor da "privada", criticou Prado.

Pola súa parte, Julio Torrado incidiu nos 900 profesionais menos que hai agora a respecto de 2009 e lembrou que a Galiza é o segundo territorio pola cola que menos inviste en AP, "e iso algo influirá, non?", preguntou retoricamente a respecto da situación sanitaria.

Comentarios