Comesaña nega uso fraudulento na autocita entre 16 e 19 anos

Tras a apertura do sistema de autocita para as persoas entre 16 e 19 anos antes de comunicalo oficialmente, o que foi aproveitado por case 6.000 persoas para coller quenda para inocularse, o titular da Consellaría de Sanidade rexeita que houbera uso fraudulento deste sistema.
Julio García Comesaña e Alberto Núñez Feixoo en xullo. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Julio García Comesaña e Alberto Núñez Feixoo en xullo. (Foto: Xunta da Galiza)

A campaña de autocita para a vacinación das persoas do grupo de 16 a 19 anos de idade, precipitouse sobre a planificación previa, recoñeceu esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Porén, Comesaña atribuíuno a un erro e negou que se tratara dun “uso fraudulento”, explicando que estaba previsto que a pasada quinta feira fora o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, quen anunciara esta campaña despois do Consello da Xunta.

A cuarta feira xa se rexistraran 5.900 citas da picada, para o conselleiro, isto debeuse a que deixaron o sistema informático preparado o día anterior, polo que alguén o descubriu por “casualidade” e de forma “fortuíta”, antes de difundilo polas redes sociais.

Esgotadas en horas

As case 6.000 quendas ofrecidas esgotáronse en cuestión de horas, indicou Comesaña, que reiterou que esa opción non estaba “oculta”, ao usarse as ferramentas cotiás para a citación: a aplicación móbil e a web.

Ao tempo, o titular de Sanidade rexeitou a posibilidade de facer unha auditoría para identificar o motivo polo que algunhas persoas puideron acceder a unha campaña que, en teoría, non estaba anunciada, por mor de que “a información que temos é de xente totalmente variada. Non temos coñecemento de uso fraudulento”.

“Co mesmo tirón, rematáronse en pouco tempo as citas ofrecidas a sexta feira”, apuntou o conselleiro, que explicou que se abriran 11.000 prazas para o sistema de autocita desa franxa de idade.

5% das vacinas

Comesaña incidiu en que para a autocita apártase o 5% das vacinas que non son programadas, calculando o potencial de ausencias, cuestión na que tamén negou a necesidade dunha auditoría.

O conselleiro destacou que a citación por mensaxe mantense, a partir da vindeira semana comezará a vacinarse o grupo de 20 a 29 anos, xustificando o sistema de autocita porque o grupo de idade de 16 a 19 anos ten “a maior incidencia” de casos.

O presidente da Xunta valorou “o interese moi grande da mocidade por conseguir unha cita” para inocular a vacina, e sinalou que a problemática co comezo da autocita foi “unha cuestión do portal do servizo de saúde”.

Á par, abundou en que esa porcentaxe de ocos para as quendas de vacinación foi cuberto nun primeiro momento polos estudantes de Erasmus, antes de optar pola mocidade.

Comentarios