Coincidencias entre BNG e CxG cara á construción dunha candidatura galega

Ambas as formacións concordan en sinalar que a iniciativa debe ser "construída aquí" e sen "dependencias externas".

unnamed

Senllas delegacións do Bloque Nacionalista Galego e de Compromiso por Galicia reuníronse esta segunda feira (3 de agosto) en Compostela para abordar as eleccións ás Cortes españolas previstas para outono deste ano. 

Do encontro foi feito público un comunicado conxunto remitido á imprensa no que sinalan coincidencias perante a "necesidade" de constituír unha "candidatura galega, ampla" e "plural" con "importante protagonismo da cidadanía" que garanta, din, "unha representación potente de Galiza como nación" no Estado español. 

Neste senso, subliñan no comunicado, BNG e CxG salientan a importancia de pular por un "proceso social inclusivo e participativo" que abranga --para alén das organizacións políticas-- "multiplicidade de persoas e colectivos".

Na xuntanza, que contou coa presenta do secretario xeral de Compromiso, Xoán Báscuas, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, as dúas formacións coincidiron en apuntar que este proceso debe ser xerido "aquí" e sen "dependencias externas" nun intre, enfatizan, no que poderían situarse riba da mesa "importantes mudanzas políticas na estrutura do Estado". 

Comentarios