Cohesión e proxecto definido, a fórmula do BNG de cara ás eleccións

O BNG pon en marcha a conta atrás de cara ás citas electorais de maio convencido de que un futuro mellor só é posíbel desde forzas propias. Así o puxo de manifesto Ana Pontón no Consello Nacional desta formación.

CONSELLO NACIONAL 5

O Consello Nacional do BNG que decorreu na mañá do sábado puxo o foco nunha axenda social marcada pola defensa da sanidade pública e por un 8 de marzo chamado a ser “mostra de forza” do feminismo. Tamén tratou sobre a cita electoral dos comicios municipais e europeos, que o Bloque, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, encara “cohesionado e cun proxecto definido”.

A dirixente nacionalista salientou en declaracións aos medios que a forza política afronta as eleccións “sen autolimitarnos”, co obxectivo dar “un paso decisivo” como principio da fin do “decenio negro de Feixoo”. Nun contexto de “involución democrática”, Pontón ve “máis necesario que nunca este BNG forte que tende a man a todas as persoas que pensan que un futuro mellor só é posíbel desde forzas propias”.

Como mostra, os orzamentos

Insistiu, nesta liña, na autoorganización e puxo como exemplo da necesidade de contar con formacións políticas galegas os orzamentos do Estado, que rexistran unha caída significativa das asignacións a Galiza. Para Pontón, as contas estatais amosan “canto precisa este país unha forza sen tutelas nin ataduras”. Cargou entón contra as forzas estatais “de dereitas, de esquerdas ou das que prometeron cambialo todo e non cambiaron nada, tres versións distintas cun denominador común: pasan olimpicamente deste país”.

"Ningunha forza estatal presentou unha emenda aos orzamentos xerais do Estado a favor dos intereses das galegas e galegos"

Pontón lamentou que “ningunha forza estatal” presentase “unha emenda a favor dos intereses das galegas e galegos”. “Ímolo facer nós no próximo pleno cunha proposta de 2.000 millóns de euros, como mínimo, a mesma cifra de investimento que hai 10 anos cando o BNG, da man de Francisco Jorquera, condicionaba os orzamentos do Estado”, informou.

Manifestación con Vox vs manifestación da sanidade

A portavoz nacional do BNG puxo sobre a mesa “o pleno frenesí españolista” que, dixo, está a mostrar a súa peor cara, “machista, racista e antigalega” e que “carreta autobuses a Madrid en contra do diálogo e en contra dos intereses de Galiza”. Engadiu que Feixoo está pregado ás ordes de Pablo Casado en detrimento das galegas e galegos. Afeoulle ao presidente da Xunta que apurase para coller un avión desde Nova York para acudir á manifestación coa extrema dereita española o domingo, “que bo vasalo se tivese un bo señor!”, ironizou.

Fronte a quen asistirá á manifestación do domingo en Madrid, afirmou que o BNG estará “ao lado de quen temos que estar, que son os milleiros de galegas e galegos que se van manifestar nas rúas de Santiago en defensa da sanidade pública”.

"Son tempos de mollarse e actuar con rebeldía"

Na súa intervención, Pontón apelou á implicación das bases nacionalistas, ao entende que “son tempos de mollarse e de actuar con rebeldía para gañar o futuro” e informou de que o BNG está a recibir “un aluvión” de novas afiliacións.

Comentarios