Eleccións

A coalición Podemos, EU, Anova e mareas municipais non está asegurada

Nas negociacións, aínda non chegaron a falar de candidatas á Xunta.
Acto Mareas Cidades Ben Común
photo_camera Acto Mareas Cidades Ben Común

As forzas herdeiras da coalición En Marea, que en 2016 se erixiu como líder da oposición na Galiza e rompeu o pasado mes de xullo, xogan estes días un partido a contrarreloxo para decidiren se volven concorrer xuntas o vindeiro 5 de abril ás eleccións galegas. O prazo para rexistrar as coalicións remata en nove días.

O adianto electoral colleunas a todas nas patacas. É habitual neste espazo que os debates internos se alonguen no tempo sine die. E a data do 5 de abril marcada polos comicios vascos provocou que o entendemento nas forzas á esquerda do PSdeG teña que chegar antes do día 21 deste mes, se é que queren rexistrar unha coalición. Podemos, Esquerda Unida, Anova e as mareas municipais lideradas por Compostela Aberta e Marea Atlántica están en conversas pero semella que non saíron da caixa inicial. Está por ver se esa coalición, ademais de incluír á esquerda federal, contempla con peso específico o soberanismo e o espazo municipalista do país.

O único partido que tiña todos os deberes feitos é Esquerda Unida, que xa consultara coa súa militancia no mes de decembro e proclamou a Eva Solla como a súa candidata. A propia Solla, en declaracións a Nós Diario, salienta que "estamos nun momento relevante no que as mulleres temos que ocupar un papel importante". De feito, todas as cabezas de lista de EU no país son mulleres. "As organizacións políticas teñen que poñer por diante os cargos políticos mellor preparados", engade Solla, que asegura que lle gustaría ter comezado "hai tempo" coas negociacións co resto do espazo, mais vai "respectar" os tempos das outras organizacións.

A alianza entre EU e Podemos dáse por feita após o acordo baixo as siglas Unidas Podemos co que chegaron ao Goberno do Estado da man dun pacto co PSOE de Pedro Sánchez. O que resta é saber se nesa candidatura aínda ten cabida a visión de país de Anova, que vai no mesmo saco que as forzas municipalistas Compostela Aberta e Marea Atlántica.

Podemos estabeleceu un calendario para as súas primarias que os leva máis aló da data para pechar as coalicións. Teñen pensado proclamar a súa candidata ou candidato o 27 de febreiro, para que o día 29 apareza xunto a Pablo Iglesias nunha conferencia política na que avanzarán nos seus "eixos programáticos". Con todo, fontes da formación morada defenderon a Nós Diario que "se pode negociar unha coalición sen contar previamente cun candidato" e que a persoa que escollan as súas militantes como líder "debería ser moi tido en conta" cara a representar a todo o espazo.

É esta posición hexemónica de Podemos a que critican desde Anova, que non vai aceptar xogar un papel "ornamental" na coalición. "Pensamos que se ten que contemplar a traxectoria desde 2012", salientan desde a formación nacionalista, que só participará nesa candidatura unitaria se a esquerda federal conta co soberanismo e o municipalismo. "Podemos ten que ser consciente de que o que pretenden agochar ten un peso específico, un valor simbólico", sinalan estas mesmas fontes a Nós Diario.

O que deixan claro desde Anova é que esta vez non se van "silenciar" como nas dúas convocatorias de eleccións estatais de 2019. "Anova vai estar nas eleccións e, seguramente, non soa", afirman. Así mesmo, estas fontes aseveran que van estar "á altura do momento" e que van apostar por chegar a un acordo "até última hora", sempre que Podemos "module a súa posición" e sexa consciente da "proxección electoral" que pode perder de deixar fóra as nacionalistas.

A pugna polos nomes permanece no fondo das negociacións, pero os últimos movementos desde Podemos apuntan ao voceiro da coalición Galicia en Común no Congreso das Deputadas, Antón Gómez-Reino, que non confirma se se presentará para liderar unha candidatura nas primarias da súa formación. Sobre esas primarias Nós Diario puido saber onte que Luca Chao xa forma parte dunha lista coa intención de revalidar o seu escano como deputada no Parlamento da Galiza, pero que non liderará unha candidatura en Podemos.

O outro nome que está enriba da mesa é o do ex alcalde de Compostela Martiño Noriega, designado por Anova como negociador da formación, que podería liderar a coalición de todas as forzas, se logran un acordo nestes nove días.

Por outra banda, Nós Diario confirmou onte coa actual deputada do Grupo Común da Esquerda Paula Quinteiro que Anticapitalistas está en conversas co espazo co que convive no grupo parlamentar, mais busca acordos "máis alá do electoral". Así, Quinteiro lembra que o "institucional" non é o único espazo onde estar.

O partido de Luís Villares mantén o diálogo baixo a proposta da "coalición horizontal"

En Marea, o partido liderado por Luís Villares, segue mantendo que "o esencial é derrotar a dereita" nas vindeiras eleccións galegas". Aposta por unha "coalición horizontal" con BNG, Compromiso por Galicia, Anova, o Partido Galeguista e as mareas municipais, é dicir, con todas as forzas coas que comparte a defensa do "soberanismo", o "feminismo", o "ecoloxismo" e a "xustiza social". Fontes internas de En Marea confirmaron a Nós Diario que non teñen "prexuízos" nin "vetos" e que "a pesar de pensar que un encontro sería o máis beneficioso para todas", consideran que se estas forzas non queren ser "aliadas", serán "adversarias" nas urnas. Este sábado reunirase o Consello das Mareas, cita previa a unhas primarias que serán posteriores á data para rexistrar as coalicións.

Comentarios