Coalición Galega pide o voto para o nacionalismo

Considera que as últimas lexislaturas confirman que para Galiza “é nefasto carecer de representación” nas Cortes españolas.

Congreso deputados

Coalición Galega pide o 28 de abril o voto para o nacionalismo. A Coordinadora Nacional desta organización entende que nestas eleccións “é moito o que nos xogamos” os galegos e galegas, polo que apelan a que o voto “teña como destino aquelas opcións de obediencia estritamente galega que teñen acreditada unha traxectoria histórica de defensa inequívoca dos intereses do país”.

“Os precedentes do ciclo electoral iniciado en 2015 confirman que para Galiza é nefasto carecer de representación no Congreso dos Deputados e no Senado”, afirman, e apuntan como “aprendizaxe” destes anos “que as hipotecas con grupos de non obediencia galega páganse, máis tarde ou máis cedo”. “O caso dos deputados de En Marea (agás Alexandra Fernández) é representativo de que non abonda con que unha organización se presente as eleccións cun nome distinto en Galicia, tamén ha de manter a súa total soberanía no parlamento”, conclúen

Para Coalición Galega feitos como que os orzamentos do estado para 2019 supoñan unha tesoirada de 19% no investimento para Galiza é unha das consecuencias de “non ter presenza galega en Madrid”.

Por último, para CG a cita do 28A non é unha “batalla” entre dereita e esquerda, senón sobre manter o réxime do 78 "con máis dureza represiva” ou ben encamiñarse “cara a un sistema máis democrático, máis participativo, máis descentralizado, menos corrupto e máis respectuoso cunha comunidade histórica como é Galiza”.

Comentarios