domingo 29.03.2020
MIGUEL ANXO FERNáNDEZ LORES

“Coa prórroga a ENCE o estado supeditou este país aos intereses dun consello de administración”

O alcalde de Pontevedra afirma que “loitará por terra, mar e aire” para que se revogue a decisión adoptada polo goberno en funcións de manter a pasteira na Ría até 2073. “É unha decisión vergoñenta e anti-democrática”, di Lores en conversa con Sermos Galiza.

“Coa prórroga a ENCE o estado supeditou este país aos intereses dun consello de administración”

“Son un pouco inxenuo, pensei que non se atreverían a tanto”. Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) responde cun deixe de ironía á pregunta de se agardaba unha prórroga así para ENCE, adoptada por un goberno en funcións e con opcións máis que dubidosas de recuncar. O alcalde de Pontevedra fala con paixón do que podería ser Pontevedra “sen ese tapón que é Ence”, ao tempo que denuncia como a pasteira condiciona a planificación do monte galego ou detense no que esta decisión da prórroga supón en canto a evidenciar a “supeditación” do público ao privado.

- Imaxinaba unha decisión así, un goberno en funcións concedendo unha prórroga a ENCE por 60 anos?

- Son un pouco inxenuo, pensei que non se atreverían a tanto. O certo é que é unha decisión irresponsábel, un atentado á democracia, un atentado contra o sentido común. Un desprezo aos pontevedreses feito por este goberno en funcións. Supedita a calidade de vida dos veciños a unha empresa, supedita este país aos intereses dun consello de administración. Esta decisión é un exemplo de libro de como o poder político se supedita ao poder económico, isto non pasa en ningún país serio.

- Por que cre que esta decisión se adoptou agora, cun goberno en funcións?

- O aparato deste Estado está máis por defender os intereses económicos dalgúns que os intereses xerais. Neste tema hai moitas cuestións a tocar: por exemplo, como o goberno permite unha actividade que non é compatíbel co espazo marítimo-terrestre. Ou ben como se toma a decisión da prórroga saltándose competencias da Xunta, como a ordenación do territorio. Chégase ao ponto de modificar a Lei de Costas para permitir que siga ENCE, faise política para defender intereses particulares...

"A decisión é claramente anti-democrática pois adóptase contra o criterio e posicionamento das dúas institucións máis próximas ao problema, que son o Concello e a Deputación"

Para alén disto, a decisión é claramente anti-democrática pois adóptase contra o criterio e posicionamento das dúas institucións máis próximas ao problema, que son o Concello e a Deputación.

- Ambas teñen solicitado hai pouco que non se concedese prórroga algunha

O goberno vén de regalarlle a unha empresa privada máis de mil millóns de euros, que sería o que lle custaría o traslado, a modernización, a recuperación do espazo degradado. E iso que ENCE xa sabe o que son os regalos, que ten subvencionada nun 95% o canon da auga. Esta empresa ten axudas e subvencións, o que é un agravio comparativo mesmo desde o punto de vista da competencia capitalista.

A Ría de Pontevedra é algo único no mundo e podiamos estar a mellorala aínda máis, facendo de Lourizán un espazo público para o esparcemento, apostando en políticas ambientais e de emprego sostíbel...

- Desde o Concello e axentes sociais e políticos xa anunciaron que ían responder a esta prórroga

- Imos loitar por terra, mar e aire, con todos os recursos posíbeis, para que se revogue a prórroga. A decisión non é firme, así que hai marxe para actuar. Non imos escatimar recursos políticos, xudiciais e sociais. Se houbo un momento no que até o PP se posicionou a prol de retirar ENCE iso foi porque tiñan a percepción de que non facelo tiña un custo. A xente ten que moverse, presionar.

"En Madrid está a sede de ENCE, que paga alí os impostos embora aquí soportemos os efectos da actividade. En Madrid toman as decisións..."

- ENCE apresurouse a xustificar a prórroga no gran investimento económico que ía facer e desde o Ministerio os argumentos baseáronse en que garantizaba centos de empregos...

- Eu son respetuoso con todas as decisións. Eu entendo que a nivel individual haxa xente que defenda isto porque depende o seu traballo. Mais as institucións están para mirar polo interese xeral e pola maioría social. Para o PP os únicos empregos que importan son os de ENCE. Os miles e miles que destruíron nestes anos en todos os sectores, desde a administración pública a outros, non importan. ENCE é un tapón tamén para o noso desenvolvemento económico e ambiental, empobrece o noso monte e a nosa ría, só beneficia o seu Consello de administración e os accionistas. Impide a enorme potencialidade que podía haber de crear empregos no sector primario, secundario e terciario en torno a unha Ría saneada e sostíbel.

- Desde o nacionalismo enmárcase a prórroga a ENCE nun marco no que Galiza carece de soberanía, de poder de decisión

- Efectivamente. Mais aquí tamén hai outra cuestión, que é a incompetencia total dos gobernantes que hai na Xunta de Galiza, que non son quen de facer valer as competencias que temos. Iso é unha vergoña. E despois, claro, o aparato do estado nestá ao servizo do que está, e non é Galiza precisamente. En Madrid está a sede de ENCE, que paga alí os impostos embora aquí soportemos os efectos da actividade. En Madrid toman as decisións...

comentarios