Clubs ciclistas da Mariña apoian a declaración do treito Burela - San Cibrao como ruta ciclista segura

A iniciativa parte do BNG, que vén de propoñer unha alternativa de uso para a estrada provincial LU-P-1510 que une Burela e San Cibrao pola costa.
Clubs ciclistas reclaman a declaración dunha ruta segura entre Burela e San Cibrao.
photo_camera Clubs ciclistas reclaman a declaración dunha ruta segura entre Burela e San Cibrao.

Os portavoces municipais do BNG de Cervo e Burela, Diego Fernández e Mario Pillado, deron a coñecer os detalles da súa proposta: declarar a estrada provincial LU-P-1510 que une Burela e San Cibrao como ruta ciclista segura.

Segundo explicaron, esta estrada, de nove quilómetros, ten moito tránsito de ciclistas e deportistas en xeral mais tamén presenta importnates deficiencias no seu firme denunciadas xa en varias ocasións por usuarios e veciñanza.

A práctica deportiva nesta vía aumenta día a día e viuse incrementada na pandemia, polo que os edís nacionalistas consideran que é o momento de aproveitar esta infraestrutura para mellorala e facela máis segura, unha actiación que pode dar pé tamén a convertela en 'ruta ciclista segura, a semellanza das Rutas Ciclistas Protexidas recollidas no catálogo da Dirección Xeral de Tráfico.

A primeira na Mariña

De ir adiante a súa proposta, sería a primeira vía destas características na Mariña, "un reclamo para a zona, non só para Cervo e Burela senón para os concellos da contorna".

As características deste tipo de vía, precisaron, implicaría a adecuación do firme da calzada e sinalización explicativa cos horarios de afluencia, restricións de velocidade, control e redución de velocidade en adiantamentos, prioridade das persoas ciclistas, ademais da instalación de barreiras de protección nos quitamedos e puntos de reparación de bicicletas nos extremos da vía.

Os Concellos de Cervo e Burela debaterán en cadaseu pleno as mocións nas que se recolle a proposta do BNG de transformar a estada que une ambas as dúas localidades pola costa, e que instan á Deputación de Lugo, titular da vía a realizar os trámites correspondentes para convertir esta estrada nunha 'ruta ciclista segura'.

"Debemos aproveitar todos os recursos que temos nos nosos concellos a nivel deportivo e turístico, que son moitos, e este é un exemplo máis, coa circunstancia de que non é un proxecto custoso pero que redundará en moitos beneficios para Cervo e Burela e para a comarca. Confiamos no apoio unánime dos plenos de Cervo e Burela e tamén no apoio da Deputación a esta iniciativa", afirmaron Diego Fernández e Mario Pillado.

Comentarios