Nunha entrevista concedida a RNE, o portavoz de Ciudadanos na Galiza amosouse partidario de negociar con Feijóo coa vista posta nas eleccións galegas. “Hai que negociar porque iso é o que queren os cidadáns, gobernos estábeis que permitan afrontar os retos e as metas formuladas… e nese sentido nós estamos dispostos a negociar con calquera”, engadiu.
Fóra de falar de “cadeiras, sillóns ou persoas”, o líder de Ciudadanos aposta en dialogar sobre “os puntos de coincidencia programática”, que casarían cos do PP.
A respeito da configuración da candidatura de Ciudadanos para as eleccións galegas, asegurou que “non vai atrasar” as listas nin o candidato. “Imos cumprir os prazos que temos estabelecidos internamente e farémolo o máis rápido posíbel dentro das nosas posibilidades”, apuntou.
Non se ve candidato á presidencia da Xunta
Preguntado sobre se el mesmo se postulará como candidato á presidencia da Xunta, dixo que “nestes momentos, non é a miña formulación”. O seu cometido, engadiu, pasa por se centrar na portavocía da formación.
No seo de Ciudadanos na Galiza, onde o partido de Albert Rivera carece de estrutura de organización, abriuse unha fonda crise interna nas pasadas eleccións de xuño debido á substitución do cabeza de cartel pola Coruña logo da decisión unilateral da dirección do formación.