Até que punto preocupan en Ciudadanos as enquisas na Galiza?
De verdade que ningunha preocupación. Hai confianza no traballo feito. Eses traballo deu como resultado dous escanos en abril, e despois, nun Congreso medio paralizado, presentamos moitas preguntas parlamentarias e levamos á Cámara os temas de Galiza.
Votaron en contra da transferencia da AP-9. Cree que se entende ben na Galiza esa postura?
A transferencia non é vital. Non é o que importa aos cidadáns porque non é o que realmente vai repercutir no usuario. Pensamos que o fundamental é a baixada de tarifas na AP-9 porque o que pretendemos é unha reforma eficiente e real, con descontos do 50% para as viaxeiras e viaxeiros que facemos traxectos recorrentes. E liberar os tramos interurbanos da autoestrada, como por exemplo o tramo Vigo-Redondela. Iso é o que importa. Quen a xestione, sexa Fomento, sexa a Xunta, é o de menos.
Na cuestión de Ence tamén manteñen unha postura moi clara contra o traslado da factoría. Por que?
Porque o que nos preocupa enormemente son os postos de traballo dunha empresa que leva moitos anos en Pontevedra. Hai dous factores a ter en conta. Por unha banda, eses postos de traballo asentados e que se poñen en risco se marcha a empresa. E pola outra, o marco medioambiental europeo. Ciudadanos tivo acceso os informes técnicos e sabe que Ence cumpre coas normas medioambientais. Polo tanto, se cumpre, hai que apoiar que a empresa continúe coa súa actividade industrial.
Ciudadanos tivo acceso os informes técnicos e sabe que Ence cumpre coas normas medioambientais
Na memoria de moita xente á hora de votar tamén estará a vaga de lumes de hai dous anos e a polémica cos eucaliptos. Que xestión do monte propón Ciudadanos?
Non temos unha proposta específica. O que si fixemos foi reunirnos con expertos para elaborar as nosas propostas e que nos din que o eucalipto é unha especie invasora. Piden que se controle e limiten as plantacións. Parece que estamos a falar dunha especie invasora. Estamos traballando sobre este punto en concreto.
Para Ciudadanos o eucalipto é unha especie invasora?
O que digo é que escoitamos a todo o mundo. Hai que ter en conta todo. Tamén, que non podemos acabar cunha industria que dá tanto traballo a Pontevedra. Trasladamos a Madrid o que nos din os expertos e témolos en conta. Pero hai que encontrar un equilibrio porque o eucalipto nutre a industria papeleira.
Que outras cuestións lle preocupan e para as que ten resposta como candidata por Pontevedra?
Preocúpanos a precarización do emprego, con 144.000 galegas e galegos no paro e a metade de longa duración. Queremos acabar cos contratos temporais apoiando a primeira inserción cunha bonificación do 100% o primeiro ano e ofrecer un cheque-formación e que cada unha poida elixir a que curso anotarse. E preocúpannos as liñas obsoletas da rede ferroviaria, o atraso do Ave e poñer en valor o corredor atlántico cos portos de Marín e Vigo. E a AP-9, da que xa falamos.
Cal é a proposta de Ciudadanos sobre a cuestión territorial dado o impacto que está tendo na campaña?
No ideario de Ciudadanos avogamos por un único país no que todas as cidadás e cidadáns teñamos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas. O Estado das Autonomías está moi ben, todas temos a nosa identidade e hai que respectala, pero non pode seguir habendo cidadáns de segunda. Partindo de aí, haberá que facer reformas na cuestión territorial. Por exemplo, falar en serio do tema do Senado e das Deputacións. Ou se reforman seriamente, ou teñen que desaparecer.
Por suposto que hai que protexer o galego, faltaría máis… pero é verdade que hai que facelo sempre desde o respecto. Non podemos nunca impoñer.
Por que é tan belixerante Ciudadanos no ámbito das políticas lingüísticas, tamén na Galiza?
Porque a política lingüística ten que servir para o mesmo: asegurar que todas teñamos os mesmos dereitos e as mesmas obrigas. Non pode ser que o galego, o catalán ou o vasco sexan unha barreira nunhas oposicións públicas. Poden ser un mérito, pero nunca unha barreira. Non estamos para nada en desacordo coas nosas riquezas, temos a gran sorte de dispor de dúas linguas… ten que ser decisión de cada persoa decidir na que fala.
Non pensa que a lingua galega, dada a situación, merece maior protección?
Se nos remitimos ás enquisas, non detectamos que a poboación considere que isto sexa un problema, que haxa que protexer o galego. Por suposto que hai que protexer o galego, faltaría máis… pero é verdade que hai que facelo sempre desde o respecto. Non podemos nunca impoñer. Protección si, pero nunca imposición. Cada un debe decidir en liberdade en que lingua se quere expresar.
Ciudadanos pactará co PSOE o próximo Goberno do Estado?
Fai falta Ciudadanos en España e tamén na Galiza. Ciudadanos é o único proxecto serio para sacar adiante España. Como di Albert Rivera, precisamos capacidade de diálogo para afrontar cuestións como as pensións, a educación, a sanidade ou o problema demográfico que esixiran pactos de Estado. Eses temas non poden estar suxeitos a quen estea no Goberno.
Teme Ciudadanos a gran coalición PSOE-PP?
Non tememos a gran coalición porque saímos a gañar. Estamos seguras de que somos o partido no que a xente vai confiar. Estamos moi seguras do programa político que temos entre mans e que levamos anos traballando nutríndonos de abaixo cara arriba.