Enquisa de La Voz

Ciudadanos, segunda forza na Galiza, En Marea supera o PSOE e Nós, á beira dun escano

Segundo os dados da enquisa publicada este domingo pola Voz, o panorama político na Galiza muda de maneira considerábel. Ciudadanos, co 15,2% de intención de voto, irrompe con forza no país. En Marea supera o PSOE e Nós ficaría á beira do escano.

Elecciones 1
photo_camera Elecciones 1

Tal e como reflicte a enquisa de La Voz, o PP manteríase en Galiza como primeira forza, cun 27,3% de intención de voto –en 2011, conseguira o 52,5% dos votos-, seguido de Ciudadanos, que collería do PP parte do apoio para acadar co 15,2% das papeletas. O terceiro lugar ocuparíao En Marea, a coligazón de Podemos, Anova e EU, que superaría o PSOE e obtería o 12,1% dos apoios.

Os socialistas caerían de maneira considerábel, pasando do 27,6% dos votos ao 10,6%. Nós, Candidatura Galega, coligazón da que forma parte o BNG, entre outras forzas, quedaría co 3% do apoio no país –nas eleccións de 2011, o Bloque acadara o 11,2% do apoio na Galiza.

Chama a atención a irrupción de Ciudadanos, formación que carece de estrutura en Galiza e de caras visíbeis no país. O seu delegado en Galiza, Javier Chouza, admitira en declaracións a Sermos Galiza que o partido "é consciente de que como en Galiza as eleccións aínda non tocaron, non temos tanta proxección en comunidades nas que xa se celebraron autonómicas”. Chouza tamén recoñecera que Ciudadanos centraría os seus esforzos nas eleccións galegas de 2016, para o que reforzarían a organización na Galiza,

Panorama estatal

A enquisa publicada por La Voz outórgalle a vitoria das eleccións ao Partido Popular, que caería até o 29,4% dos votos –nas eleccións de 2011 conseguira un 44,6%-, seguido de Ciudadanos, que ocuparía a segunda posición e cuxo apoio sería chave para un goberno de Mariano Rajoy. O partido de Albert Rivera faríase co 20,9% das papeletas–a enquisa do CIS de xaneiro dáballe, tan só, o 3,1%- e superaría o PSOE, que acadaría o 19,3% -nas eleccións de 2011 obtivera o 28,8%. Aínda así,  a Lei D’Hont permitiríalle ao PSOE superar en número de escanos Ciudadanos 

Podemos caería até o cuarto lugar, cun 13,9% do apoio. A enquisa confirma a tendencia á baixa do partido de Pablo Iglesias, ao que a enquisa do CIS lle outorgaba en xaneiro o 23,9% dos votos. A quinta forza sería IU, cun 3,7% dos votos, que no 2011 lograra o 6,9%. Convergentes Sí, a marca coa que concorre CDC ás xerais, quedaría co 2,7% –en 2011, CIU obtivera o 4,2%- e ERC faríase co 1,6% dos votos, subindo do 1,1% de 2011. O PNV, pola súa banda, lograría o 1,1% das papeletas –en 2011 acada o 1,33%. Malia estes resultados, Convergents Sí, ERC e o PNV superarían en deputados e deputadas IU.

A nivel global, En Marea quedaría co 1,3% dos votos e Nós, Candidatura Galega, cun 0,34%, podería obter un escano.

Comentarios