Cs procura votos nas forzas policiais e institucións penitenciarias

As candidatas ao Congreso de Ciudadanos María Vilas, Beatriz Pino e Inés Iglesias reuníronse este sábado con representantes do Sindicato Unificado de Policía e de Jusapol.
Reunión das candidatas de Ciudadanos ao Congreso con Jusapol e a SUP [Imaxe: Ciudadanos]
photo_camera Reunión das candidatas de Ciudadanos ao Congreso con Jusapol e a SUP [Imaxe: Ciudadanos]

As candidatas de Ciudadanos pola circunscrición da Coruña, María Vilas, Pontevedra, Beatriz Pino e por Ourense, Inés Iglesias, reuníronse este sábado co voceiro do partido laranxa, Miguel Gutiérrez, para escoitar as reivindicacións de Xustiza Salarial Policial, Jusapol, e do Sindicato Unificado de Policía. Na xuntanza, ambas afirmaron que de gobernar Ciudadanos “haberá equiparación salarial entre Policías e Gardas Civís con Mossos e Ertazainas”. Tamén mantiveron un encontro coa plataforma “Tu abandono me puede matar”, que agrupa traballadores de institucións penitenciarias.

As candidatas da formación lembraron que “son máis de trinta anos de desigualdade, non é xusto que un policía ou un garda civil cobre entre un 20% e un 30% menos que un policía autonómico”. María Vilas trasladou a súa preocupación tras as imaxes “dramáticas” chegadas desde Catalunya. “Estamos preocupadas pola súa seguridade e o seu futuro”, afirmou. Pino destacou que “non poden repetirse imaxes como as vistas estes días en Cataluña”. A candidata por Ourense, Inés Iglesias, afirmou na xuntanza que “Cs é o único proxecto que pode dar solución ao bloqueo”.

Jusapol, un sindicato rodeado de polémica

Jusapol comezou a ser visíbel a partir de 2018, cando o 20 de xaneiro saíu as rúas pedir a equiparación e homenaxear ás forzas de seguridade que levaron a cabo a Operación Copérnico, que procuraba impedir as votacións do referendo do 1 de outubro. Os partidos Ciudadanos e Vox son os seus aliados entre os partidos políticos. O secretario xeral do partido de extrema dereita e ultraespañolista, Javier Ortega Smith, chegou a arengar aos integrantes da plataforma antes dalgunha das súas protestas. Jusapol foi crítico coa lei vasca de abusos policiais e estivo no foco dos medios estatais pola participación de axentes da plataforma en chats ultranacionalistas e de extrema dereita, que o Ministerio de Interior dirixido polo PP non quixo investigar.

Da plataforma Jusapol xurdiron os sindicatos Jupol (Xustiza Policial) e Jucil, unha asociación coa Garda Civil. O obxectivo principal da plataforma, que recolle Ciudadanos, é a equiparación coas policías vasca e catalá. A pesar de que outros sindicatos policiais chegaron a acordar subidas salariais do Goberno central dunha media de 561 euros ao mes, non as consideran suficientes. En xuño converteuse no sindicato maioritario do corpo policial, declarando un “conflito laboral permanente” contra a Administración.

Comentarios