Ciudadanos ofrece o seu apoio a Feijóo para “controlar” un eventual goberno do PP

O líder da formación laranxa, Albert Rivera, asegurou durante un mitin en Vigo que o seu partido aspira a ser "a voz no Parlamento galego" para vixiar aqueles "que queren seguir facendo o que lles dá a gana”.

Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)
photo_camera Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)

Ciudadanos continuou este domingo a súa campaña en Vigo cun acto electoral no que participou o seu líder estatal, Albert Rivera, xunto coa candidata da formación laranxa á Xunta, Cristina Losada. Un mitin no que Rivera deixou clara a intención do seu partido para este 25 de setembro. “Cantos máis votos teña Ciudadanos, máis controlado estará o goberno galego, xa que con Ciudadanos ese control e esa esixencia converteranse en medidas que melloren a vida dos galegos”.

O líder de Ciudadanos volveu a abrir a porta a un futuro acordo con Alberto Núñez Feijóo, nun eventual escenario onde os votos da formación laranxa sexan imprescindibles para a formación de goberno. Porén, deixou unha mensaxe ao candidato á reelección. “Rajoy e Feijóo queren a maioría absoluta para que ninguén lles controle e ninguén lles esixa reformas e rexeneración”, sinalou Rivera.

Na mesma liña, a cabeza de lista de Ciudadanos en Galiza, Cristina Losada, apostou por “un modelo que axude a ter unhas institucións limpas e transparentes” á vez que criticou “a conversión por parte do PP das institucións de todos en chiringuitos políticos”. 

Losada asegurou que Ciudadanos “pode impulsar reformas que permitan vivir mellor” en Galiza e comprometeuse a traballar para que “todos os galegos teñan os mesmos dereitos e os mesmos servizos públicos de calidade”.

Comentarios