Pactos en Ourense

Ciudadanos, aberto a dar a Baltar a Deputación de Ourense

O secretario de organización de Ciudadanos en Galiza e concelleiro eleito por Ourense, Laureano Bermejo, asegura en declaracións a Sermos Galiza que o seu partido está aberto a negociar o futuro goberno da Deputación de Ourense “sen pechar portas a ninguén”.

José Luís Baltar
photo_camera José Manuel Baltar

Os resultados definitivos da Deputación de Ourense aínda fican no aire á espera de recontar papeletas en varios municipios. Só unha manchea de votos afastan a Mnauel Baltar da maioría absoluta e por tanto da presidencia. Mais se os resultados se manteñen tal e como se coñeceron o domingo 26M; o PP perdería a súa maioría e os pactos serían imprescindíbeis.

Se os resultados se manteñen tal e como se coñeceron o 26M o PP perdería a súa maioría

Nese contexto, o papel do deputado provincial de Ciudadanos sería determinante para dar o goberno a Baltar ou favorecer por primeira vez unha mudanza política nesta institución tan sagrada para o PP como inmersa en acusacións de corrupción e clientelismo, e que foi gobernada durante 22 anos por Xosé Luís Baltar e desde 2012 polo seu fillo Manuel.

“Estamos nun exercicio de escoita, de coñecer as ofertas que os partidos políticos nos queiran pór enriba da mesa", sinala Bermajo

Precisamente Ciudadanos asegura manterse aberto a negociar o futuro goberno da deputación “sen pechar portas a ninguén”, segundo declarou a Sermos Galiza Laureano Bermejo, secretario de organización do partido laranxa na Galiza e concelleiro electo por Ourense. “Estamos nun exercicio de escoita, de coñecer as ofertas que os partidos políticos nos queiran pór enriba da mesa e, en función diso, quen comulgue máis coa nosa ideoloxía e programa será a quen teñamos máis en conta”, afirma Bermejo.

Bermejo sinala que todos os partidos políticos “sexan da cor que sexan e que levan tempo gobernando teñen mochilas”

Preguntado por Sermos Galiza sobre a existencia de dificultades á hora de apoiar Baltar desde un partido como Ciudadanos, que fixo bandeira da transparencia e rexeneración, Bermejo sinala que todos os partidos políticos “sexan da cor que sexan e que levan tempo gobernando teñen mochilas” e engade que desde C´s “queremos rexenerar a política pero haino que facer estando dentro das institucións e sendo decisivos”.

Ciudadanos agarda acadar a terceira acta de edil en Ourense co reconto de papeletas

En canto á gobernabilidade do concello de Ourense Bermejo tampouco pecha portas ninguén e afirma estaren abertos a dialogar. Segundo declara a Sermos Galiza están pendentes do reconto na Xunta Electoral de varias papeletas anuladas xa que se atopan “a 16 votos de conseguir a terceira acta no concello de Ourense o que nos fará máis decisivos para decidir o futuro goberno”.

Constitución das deputacións

Unha vez constituídos todos os concellos (15 de xuño), os escanos das deputacións provinciais repártense, por cada partido xudicial, de forma indirecta. O reparto faise seguindo a fórmula D’Hondt entre aquelas forzas políticas que obtivesen algún concelleiro ou concelleira e segundo o número de votos logrados por cada un deles.

As deputadas e deputados provinciais que corresponden a cada partido xudicial son elixidos polas concelleiras e concelleiros eleitos de todos os concellos dese partido xudicial. Prevese que a toma de posesión nas deputacións teña lugar a principios de xullo.

Comentarios