Ciudadanos, en descomposición na Galiza

Agás nos procesos electorais de decembro 2015 e de abril de 2019, onde lograron representación no Congreso, atendendo a unha tendencia favorábel a nivel estatal, as súas citas coas urnas contáronse con fracasos.

O comité galego de Ciudadanos reuniuse o sábado 27 de marzo en Compostela para analizar a súa situación (Foto: Nós Diario)
photo_camera O comité galego de Ciudadanos reuniuse o sábado 27 de marzo en Compostela para analizar a súa situación (Foto: Nós Diario)

Ciudadanos esfórzase en vender normalidade na actual conxuntura. O seu comité galego reuniuse na pasada fin de semana no Hotel Tryp de Compostela para analizar a situación, fechar filas arredor do liderado de Inés Arrimadas e manifestar a súa disposición de continuar adiante co proxecto. Neste sentido, a súa coordinadora na Galiza, Beatriz Pino, denunciou “un bombardeo mediático” e destacou que “este partido, se de algo sabe e se algo coñece de preto, é esa barreira que se nos xera sempre para tentar castigar o centro”.

Amosouse optimista e subliñou que malia non lograr representación no Parlamento nas eleccións de 2020, "ese momento chegará" porque "as políticas laranxas son necesarias”. O seu optimismo contrasta coa opinión doutros dirixentes da formación. Un deles afirma que “a crise acompaña Ciudadanos na Galiza desde a súa constitución”.

Agás nos procesos electorais de decembro 2015 e de abril de 2019, onde lograron representación no Congreso, atendendo a unha tendencia favorábel a nivel estatal, as súas citas coas urnas contáronse con fracasos. A este respecto, foron significativos os resultados das convocatorias ao Parlamento da Galiza de 2016 e de 2020.

O partido laranxa nunca deu consolidado unha estrutura organizativa no país. A causa das súas dificultades para penetrar na Galiza e facerse cun espazo no seu escenario político foron maiormente de carácter estrutural. Alén de cuestións conxunturais, derivadas da fortaleza do PP, que estreitou as marxes de actuación desta formación, o seu discurso, agresivo con algúns aspectos da identidade galega, nomeadamente coa lingua, converteuna nunha forza antipática para amplos sectores de cidadanía.

A chea de desercións, após a fracasada moción de censura en Murcia, colleu a formación en descomposición na Galiza. O goteo de baixas comezou pouco despois dos comicios municipais de maio de 2019, significándose no ámbito local o abandono do seu concelleiro en Pontevedra, Gregorio Revenga, e da súa representante na Coruña, Mónica Martínez, actualmente integrada no executivo de Inés Rey. O proceso viuse agudizado polos resultados das estatais de novembro de 2019 e das galegas de xullo de 2020. 

Ourense antes que Murcia

Ourense foi o particular Murcia de Ciudadanos na Galiza. A operación impulsada polo secretario xeral dos socialistas ourensáns, Rafael Villarino, e a máxima responsábel do partido laranxa no país, Beatriz Pino, para apartar, mediante unha moción de censura, a José Manuel Baltar da presidencia da Deputación e substituíla pola representante de Ciudadanos, Montse Lama, rematou co abandono do partido desta última e a renuncia á militancia dun grupo de afiliados na circunscrición.

Ciudadanos está hoxe reducido á mínima expresión. Segundo fontes da formación, só fican activas 13 agrupacións locais e o seu número de militantes non pasa de 300. Ao tempo, estas mesmas fontes lembran que a organización chegou a contar nos seus primeiros momentos con 107 grupos locais e rexistrar máis de 1000 afiliados. O partido só conserva hoxe presenza orgánica en Vigo, A Coruña, Ourense, Compostela, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, A Mariña, Cee, A Guarda, Oleiros, Cambre e A Lama.

A continuidade do proxecto semella complicado. A este respecto, militantes da organización consultados advirten de novas desercións após as eleccións madrileñas de maio. Neste sentido, confirman que boa parte dos cargos institucionais que teñen intención de permanecer na política activa negocian o seu encaixe no PP pero tamén algúns no PSOE. En relación con isto, o politólogo Lluís Orriols entende que “a composición do partido, como moitas persoas con afiliación anterior noutras formacións, favorece as desercións. En definitiva, estarían repetindo un comportamento que xa practicaron no pasado”.

Comentarios