Ciudadanos desbota ir ás urnas en coalición co PP nas eleccións galegas

Na formación laranxa queren concorrer en solitario ás eleccións galegas, vascas e catalás, polo que non valoran apresentarse en coalición co PP. Porén, apostan por lograr pactos de Goberno co Partido Popular nas tres nacións e poñen Andalucía e Murcia como exemplos.

O secretario xeral en funcións de Ciudadanos, José Manuel Villegas (Imaxe: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera O secretario xeral en funcións de Ciudadanos, José Manuel Villegas (Imaxe: Marta Fernández / Europa Press)

Nas eleccións aos parlamentos da Galiza, Euskadi e Catalunya, Ciudadanos quer concorrer cunha candidatura en solitario, segundo afirmou o secretario xeral da comisión xestora do partido, José Manuel Villegas. A formación laranxa desbota así posíbeis coalicións nas urnas co Partido Popular en calquera das tres nacións sen Estado.

Villegas quer facer na Galiza un pacto de Goberno como o de Andalucía e Murcia

Os comicios na Galiza e Euskadi serán en 2020, e neles Villegas quer que haxa papeleta laranxa, sen iren coaligados con outras forzas da dereita. En Catalunya, o líder de Cs pensa que podería haber unha convocatoria electoral coa resolución da Xunta Electoral Central que inhabilita como deputado o president da Generalitat, Quim Torra. Tamén nesa nación teñen o obxectivo de concorrer en solitario.

Villegas marca como reto principal nos comicios da Galiza e Euskadi obter por vez primeira representación. "Podémolo facer como forza autónoma e hai que tentalo", tratando de "agrupar ao redor de Cs a todos eses españois que queren moderación, sentido común e respostas concretas aos seus problemas", afirma Villegas nunha entrevista concedida a Europa Press.

Nas eleccións estatais de 10 de novembro Cs perdeu toda a súa representación pola Galiza

Nas eleccións estatais do pasado 28 de abril Ciudadanos conseguiu dúas actas no Congreso dos Deputados pola Galiza, mais na repetición electoral de 10 de novembro ficaron sen ningún escano por esta nación.

Villegas espera que o seu partido volva ser a forza máis votada nas eleccións ao Parlament de Catalunya, e que sexa posíbel sumar unha maioría non independentista. "Creo que o podemos conseguir", manifestou o líder de Ciudadanos, pese a levar as enquisas na súa contra para tal obxectivo.

O secretario xeral da xestora referiuse tamén ao relatorio de Estratexia política de Ciudadanos elaborada para a Asemblea Xeral de marzo. Este documento da Comisión de Estratexia, aprobado no día de onte, sábado 25 de xaneiro, polo consello xeral di que Cs tentará pactar con partidos “constitucionalistas" para "non ter que depender de populistas nin de nacionalistas".

No que se refire ao PP, Villegas reivindicou os gobernos de coalición que formaron xuntos en Andalucía, Murcia, Madrid e Castela e León.

Comentarios