ESTA SEGUNDA FEIRA áS 12H NA NAVE DE VIDáN

Ciudadanos declina ir ao debate de Sermos após admitir que non ten propostas para Galiza

Após recoñeceren nunha entrevista que carecen de propostas electorais para Galiza, Ciudadanos informou a Sermos Galiza de que non participará no debate. O PP, pola súa banda, comunicou a ausencia de Marta González, a candidata confirmada pola formación política a pasada. Á hora de edición desta noticia non comunicaron quen vai asistir no seu lugar.

Papeletas eleccións
photo_camera Papeletas eleccións

Malia confirmar a pasada cuarta feira a presenza de Isabel Cendán, número 1 de Ciudadanos ao Congreso pola circunscrición electoral de Lugo, ao debate electoral de Sermos Galiza para a mañá da segunda feira, 7 de decembro, o partido político liderado por Albert Rivera non enviará ningún representante. O equipo de comunicación de Ciudadanos informou Sermos Galiza de que non asistiría ningún candidato ou candidata da formación política cando o número 1 pola Coruña, Antonio Rodríguez, recoñeceu que carecen de propostas para Galiza. “Agora mesmo o que toca é unha proposta nacional [estatal] común”, apuntou o cabeza de lista de Ciudadanos nunha entrevista concedida a V Televisión.

Pola outra banda, o Partido Popular, que a terza feira confirmara a presenza de Marta González, número 2 pola Coruña e viceportavoz do PP no Congreso, comunicou a imposibilidade de que participe no debate esta candidata, sen que á hora da edición desta noticia nos comunicasen quen vai asistir no seu lugar.

Un debate con perspectiva galega e plural

O debate organizado por Sermos Galiza foi concibido como un intercambio e discusión de propostas políticas no marco das eleccións xerais desde unha perspectiva galega e plural, sen exclusións e terá lugar esta segunda feira, 7 de decembro, ás 12h, na Nave de Vidán (Avda. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela) e será aberto a quen desexe asistir. Amais, retransmitirémolo ao vivo a través de www.sermosgaliza.gal. O hashtag para seguir o debate nas redes sociais será #SermosDebate.

O debate articularase arredor de catro blocos temáticos: economía e traballo, política internacional, dereitos sociais e liberdades públicas e Galiza, ante o debate territorial. Ademais, ao finalizar estes blocos, as candidatas responderán as preguntas recibidas a través das redes sociais e do correo electrónico e farán o propio coas interpelacións que faga o público presente no debate.

Á vista dos anuncios de Ciudadanos e do Partido Popular, nestes momentos, temos confirmada a participación de Pilar Cancela (nº1 do PSOE por A Coruña), Carme Adán (nº1 de Nós, Candidatura Galega por Pontevedra) e Yolanda Díaz (nº2 de En Marea pola Coruña).

Comentarios