Ciudadanos: "O BNG e os seus amigos no Congreso están enfermos de odio"

A coordinadora da formación laranxa na Galiza, Beatriz Pino, criticou desta forma a proposición para que o galego e outras linguas oficiais poidan empregarse no Constitucional, na RTVE ou nas Cortes Xerais.
Beatriz Pino, coordinadora de Ciudadanos en Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Beatriz Pino, coordinadora de Ciudadanos en Galiza. (Foto: Europa Press)

“O BNG e os seus amigos no Congreso teñen un problema: están enfermos de odio”. Con esta acusación criticou hoxe a coordinadora de Ciudadanos na Galiza, Beatriz Pino, a iniciativa de varios partidos (entre eles o Bloque) para que se empreguen as linguas cooficiais en escenarios como o Tribunal Constitucional ou as Cortes Xerais.

Así foi a súa reacción tras coñecer que os nacionalistas galegos se aliaron con Unidas Podemos, o PNV e outras formacións para que comecen a usarse os idiomas cooficiais do Estado tanto no ámbito da Xustiza (Supremo, Constitucional...) como na política e a Radio Televisión Española (RTVE).

Na súa opinión, esta fronte de partidos é unha “mala alianza que ten como obxectivo acabar coa unidade de todos os españois”.

Pino foi máis alá ao asegurar que “ven pantasmas onde non as hai”. “Están seguindo un libro de ruta, paso a paso que xa coñecemos: o dos seus irmáns maiores, os separatistas cataláns”, sostivo.

Curiosamente esta política xa manifestara hai unhas semanas, ao fío do debate sobre o papel das linguas na Lei Celaá, que sería un “atropelo” que o castelán deixase de ser a lingua vehicular no ensino.

Esta quinta feira volveu atacar o idioma da terra argumentando que formacións coma o Bloque “teñen pesadelos coa imposición do castelán”. “Viven de e nas súas quimeras, perden tempo e esforzo perseguindo o obxectivo do seu odio que, nesta ocasión, é a administración central”, engadiu.

Segundo Pino, os aliados nesta petición de uso en igualdade de condicións das linguas uníronse porque o que lles “sona a centralidade, a unión e a igualdade” provócalles dano. Aliás, criticou unha suposta actitude de “superioridade moral”.

Comentarios