ELECCIÓNS

Ciudadanos adía as súas primarias na Galiza por problemas nas votacións

O partido laranxa celebrará as primarias para a designación da súa cabeza de lista ás galegas esta cuarta e quinta feira.

Sede de Ciudadanos (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Sede de Ciudadanos (Ricardo Rubio / Europa Press).

Non haberá candidata de Ciudadanos para a presidencia da Xunta esta fin de semana, tal e como estaba inicialmente previsto. Os problemas técnicos no sistema de votación electrónica, que impediron votar a boa parte das afiliadas, o partido laranxa decidiu adiar o proceso de primarias até mediados da vindeira semana.

Segundo informou a formación nun comunicado, a votación para a elección da candidata á presidencia da Xunta de Galiza será a vindeira cuarta feira, 26 de febreiro, desde as 00,01 horas até a quinta, 27 de febreiro, ás 19,00 horas vía telemática.

"Trasladar a toda a nosa afiliación a seguridade de que todo o proceso se levará a cabo con todas as garantías e dereitos e a convicción de que os próximos días de votación serán dunha afluencia que demostre o grao de democracia e liberdade do noso partido", asegurou o presidente da Comisión de Garantías e Valores, Jesús Galiano, nunha mensaxe á afiliadas.

Na Galiza, foi o candidato ás primarias José Manuel Blanco quen recurriu ante a Comisión de Garantías do partido a nivel estatal pola falla de garantías no proceso. “A pesar da mala imaxe que este proceso fallido ten para o partido que queremos representar, debíamos esixir garantías e neutralidade, o mesmo que queremos para a sociedade”, declarou o candidato do sector crítico.

Un erro humano

Pola súa banda, a empresa encargada de prestar o servizo electrónico explicou que a incidencia se debeu a un erro humano do equipo de Scytl na configuración do servizo que permitía aos usuarios o acceso á plataforma de votación e, como provedor de tecnoloxía externo a Ciudadanos, "asume integramente" o fallo.

"Scytl lamenta profundamente os incidentes ocasionados durante a xornada de onte e hoxe e descúlpase ante a afiliación e a dirección do partido polo erro ocorrido, así como polos prexuízos ocasionados á súa imaxe e calquera outro dano causado", remarcou a empresa.

Comentarios