BIEITO LOBEIRA

“A citación na AN ten unha intencionalidade política: queren erradicar o nacionalismo”

O secretario de Organización do BNG declarou esta terza feira perante a Audiencia Nacional durante unha hora como testemuña no proceso contra Causa Galiza. Lobeira valora como “propio do esperpento” todo o que envolve a esta citación. “Queren que Nós non estea no Congreso”.

bieito lobeira
photo_camera B. Lobeira, ás portas da AN

O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, prestou declaración durante unha hora na Audiencia Nacional ante o xuíz Eloy de Velasco en calidade de testemuña no proceso contra Causa Galiza. En primeira instancia, a AN chamara o portavoz nacional e o secretario de Organización do BNG -Xavier Vence e Bieito Lobeira-. Mais ambos dirixentes solicitaron o aprazamento das súas comparencias. A Audiencia Nacional optou daquela por chamar a Lobeira esta terza feira e a Vence, a próxima segunda feira, isto é, o día despois da xornada eleitoral.

“Procuraban a foto de responsábeis do BNG entrando na Audiencia Nacional en plena campaña e conseguírona”

“É esperpéntico, escandaloso, non ten nome”. Bieito Lobeira atende a chamada de Sermos Galiza apenas poñer o pé fóra da Audiencia Nacional e responde con eses adxectivos á pregunta de como valora a súa citación e declaración. “Procuraban a foto de responsábeis do BNG entrando na Audiencia Nacional en plena campaña e conseguírona”, engade.

Concentración Bieito Lobeira Non dubida de que hai “intencionalidade política” e sinala Eloy de Velasco como un xuíz en sintonía co Partido Popular (“Foi alto cargo do PP”), partido que “emprega o que sexa” para combater “e tentar erradicar o nacionalismo galego”, di o dirixente do BNG. É máis, Lobeira ten claro que o que se procura é que “Nós-candidatura galega non entre no Congreso”, porque o “que verdadeiramente molesta ao poder é o nacionalismo galego”.

Inverosímil

O BNG ten máis de tres décadas de historia, aponta o seu secretario de Organización, tempo no cal “acumulamos unha traxectoria intachábel de compromiso político co noso pobo e de democracia”. En base a iso, considera que “todas as insinuacións” que arredor desta citación lle interese espallar ao PP “non van callar na poboación”.

Lobeira cualificou a AN de “Tribunal de excepción” que está a ser empregado polo PP para os seus intereses. “Se do que se trata é de xulgar a violencia, que chamen ao PP, que sabe moito dela, da que usa contra o pobo galego, contra os traballadores, contra os estudantes....”.

Concentración Bieito Lobeira perante a Sede Nacional do BNGSegundo puido saber Sermos Galiza, na declaración do secretario de Organización -que se prolongou durante unha hora- Velasco preguntou por cuestións relativas a Causa Galiza, a organización independentista que ilegalizou de facto, mais tamén sobre outras cuestións; ademais de solicitar documentación.

Cando Lobeira comezaba a súa declaración, unha concentración en Compostela -ás portas da sede do BNG- denunciaba os intentos de 'criminalización' do nacionalismo galego. 

Foto da capa: Víctor Lerena.

Foto da concentración perante a sede nacional do BNG: Xoán Rei

Comentarios