En Marea continúa a súa tendencia descendente

PP cae 1,5 por cento dos votos nun CIS que aínda non recolle o impacto da Operación Lezo

O CIS de abril -realizado nos primeiros días do mes, antes de estourar a Operación Lezo- rexista un significativo descenso do PP, ao pasar de 33 a 31,5 por cento dos votos. O PSOE ultrapasa lixeiramente Unidos Podemos, que cae dous pontos. O inquérito confirma a liña descendente de En Marea. O maior ascenso, cun incremento de 2,5, protagonízao o Cs de Albert Rivera, que se sitúa en 14,9 por cento dos apoios.

PP Mariano Rajoy
photo_camera Rajoy, nun mitin.

En febreiro, Podemos e as confluencias lideraban con certa comodidade a oposición, con 21,7 por cento dos apoios segundo a prospección do CIS. A principios de abril, o decorado muda sustancialmente e a marca liderada por Pablo Iglesias deíxase no camiño 2 por cento dos seus apoios até se situar en 19,7.

Mentres, o PSOE, aínda sen cabeza orgánica, en pleno proceso congresual, continúa a súa lenta escalada, desde 18,6 do último inquérito até 19,9 por cento desta mostra. O inquérito é o primeiro que se realiza após a defenestración de Íñigo Errejón como número dous de Podemos, o primeiro após Pablo Iglesias se facer con todo o poder interno na formación morada.

En troca, o que non recolle a sondaxe é o eventual impacto que poda ter no PP o estourido da Operación Lezo, pois se realizou antes de trascenderen as pesquisas policias e xudiciais sobre este novo episodio de corrupción arredor do PP. En Marea continúa a perder apoios No plano da política nacional galega, o principal titular que deita o inquérito é que En Marea -en aberta crise interna con Luís Villares no albo dos sectores críticos que lidera Xulio Ferreiro- continúa costa abaixo: a confluencia pasou dun rexisto de 1,6 en Outubro a unha marca de 1,4 en Febreiro para ficar desta volta en 1,2 por cento. Está, pois, a perder 0,2 pontos en cada mostra demoscópica. En todo caso, a intención directa de voto -1 por cento- mostra que En Mara mantén un sólido solo eleitoral, embora sexa evidente que está a pagar a factura da súa división interna.

Canto ás formacións soberanistas, a maior oscilación -neste caso, negativa- é a que rexista o PNV, que pasa de 1,8 a 1,2 por cento, en tanto que EH Bildu gaña dúas décimas, ao dar un pulo desde 0,9 por cento a 1,2. A antiga Convergència tamén medra, de 1,7 a 2 por cento.

Tampouco recolle o inquérito o impacto, neste caso aparentemente positivo, que eventualmente poda ter sobre as expectativas eleitorais do PNV o acordo co PP sobre o cupo vasco.

 

 

Comentarios