O CIS indica unha significativa suba do BNG de haber agora eleccións

O barómetro de outubro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) concede á fronte nacionalista unha estimación de voto do 1,1%. Nas eleccións xerais de 2011 obtivera o 0,75%. O CIS sinala tamén unha recuperación do PP a respecto de sondaxes anteriores (34%), unha queda do PSOE (26,8%). 

O BNG, de se realizar agora eleccións xerais, tería uns resultados sensibelmente superiores aos que rexistrou na cita de 2011. Se daquela a fronte nacionalista obtivo o 0,75% dos votos (e 2 deputados), agora o BNG tería un 1,1%, segundo a estimación de voto feita polo Centro de Investigacións Sociolóxicas no seu barómetro de outubro. A estimación que lle outorga nese traballo ao Bloque é superior, tamén, á que lle dera na anterior sondaxe, de xullo deste ano: 0,7%.

O BNG subiría até o 1,1%, ERC saltaría ao 2,5% e Amaiur obtería o 1,2 por cento na estimación de voto

Non é o BNG a única forza da esquerda nacionalista que ten un aumento en intención de voto neste barómetro do CIS. Así, ERC tería un apoio nas urnas do 2,5% dos votos válidos en todo o Estado español, cando na sondaxe de xullo esa estimación era do 2,3%. No que atinxe a Amaiur, obtería, segundo o CIS, un 1,2% (nas eleccións xerais de 2011 tivera o 1,37%).

CiU perdería apoios (2,9% dos votos fronte os 4,3% dos comicios de hai dous anos), tendencia que tamén lle afecta o PNV, aínda que en menor medida. Se o partido jeltzale tivo nas últimas eleccións xerais o 1,3% dos sufraxios, de haber ahora cita coas urnas tería o 1,2%.

As catro forzas estatais

No que atinxe ás catro forzas estatais, o PP recupera voto a respecto do barómetro de verán. SE daquela os populares tiñan unha estimación do voto de 32,5%, agora tería o 34% e xa se sitúa a máis de 7 puntos de diferenza co PSOE. O Partido Socialista segue a perder votos. O CIS dálle o 26,8% nas urnas (en xullo era o 27,2% e na cita de 2011 obtivo o 28,7 por cento).

Izquierda Unida consolidaríase como terceira forza estatal (11,3%), por diante de UPyD (7,7%)

Izquierda Unida (IU) consolidaríase como terceira forza do Estado español. Neste barómetro de outono o CIS concédelle unha estimación de voto do 11,3%, se ben unha porcentaxe lixeiramente inferior á enquisa de verán (11,5%), unha porcentaxe moi por riba da obtida nas últimas eleccións xerais: 6,92 por cento.

UpyD, pola súa parte, tería o 7,7% dos votos (en xullo tiña o 8,8%). A formación de Rosa Díaz tamén sube de forma importante en relación á cita de 201, cando obtivera o 4,69% dos sufraxios.

Suspende o goberno, suspende o principal partido da oposición

No barómetro pregúntase ás persoas enquisadas que cualificación darían á xestión do PP: Un 39,8% defínena como 'moi mala' e un 29,6 por cento como 'mala'. Polo 'regular' opta o 22,7 por cento.

O 70% d@s enquisad@s cualifican de 'moi mala' ou 'mala' a xestión do PP. E unha porcentaxe similar refírese nos mesmos termos ao PSOE

Esa mesma pregunta, referida ao PSOE, deita un suspenso á xestión deste partido. Un 34,9% d@s enquisad@s cualifican de 'moi mala' a labor d@s socialistas e un 35,6% tíldana de 'mala'.

Outro dos apartados deste barómetro de outono do CIS é o referido á estrutura territorial do Estado. Só o 9,7% das persoas que responderon a este traballo do CIS son partidarias dun Estado español no que se recoñeza aos seus territorios o dereito a, se así o quere a súa poboación, independizarse.

Pola contra, un 22% avogan por un Estado español centralizado e sen autonomías e un 12% por un Estado con autonomías, si, mais estas con menos competencias.

O modelo actual satisfai o 34% das persoas consultadas.

Comentarios