O CIS prevé a vitoria do PP e mantén a caída de Podemos mentres C's sobe

O barómetro de outubro outorga unha estimación de voto do 29,1% para o partido de Mariano Rajoy, seguido do PSOE (25,3). O BNG obtería o 0,5%, dúas décimas menos que en xullo. 

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) fixo públicas as súas previsións electorais de cara aos comicios do 20 de decembro. Segundo os resultados do barómetro o Partido Popular gañaría as eleccións co 29,1% dos votos, unha décima máis que nas previsións de xuño. 

Pola súa banda, o PSOE ficaría por detrás co 25,3% de estimación de voto --fronte ao 24,9% que lle concedía hai tres meses. O estudo mantén unha caída de catro puntos para Podemos que pasaría do 15,7% ao 10,8% dos sufraxios. 

En troca, Ciudadanos estaría a recoller maiores apoios, no concreto do 11,1% que apuntaba o barómetro de xullo, tres meses despois e coincidindo o desenvolvemento das enquisas con días posteriores ás eleccións catalás, prevé que obteña o 14,7%. 

O BNG obtería o 0,5% do voto estimado

Tamén aumentaría, previsibelmente, Izquierda Unida que obtería o 4,7%, tres puntos máis que hai tres meses. 

A respeito da Galiza, o CIS rexistra unha queda de dúas décimas para o Bloque Nacionalista Galego que pasaría do 0,7% do voto estimado ao 0,5%. 

As forzas independentistas catalás e bascas mantéñense. ERC (2,2) e Convergència (2,9), esta última sen Unió que ficaría cun 0,1% dos votos. Amaiur obetería o 1,2%, segundo o CIS. 

Comentarios