CIS pregunta por primeira vez por Feixoo como presidente do Estado, cargo para o que o prefire só 1% das enquisadas

feixoo
photo_camera Núñez Feixoo

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) deu a coñecer esta cuarta feira o primeiro barómetro desde que estoupou a crise do coronavirus e no que se reflicte un recorte de dous puntos na vantaxe que tiña o PSOE sobre o PP o mes anterior e déixaa en 10 puntos.

Os datos da enquisa, na que se fixeron 3.000 entrevistas, non están desagregados por comunidades autónomas, mais como novidade con respecto a anteriores estudos demoscópicos, preguntan pola crise sanitaria e introducen o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na pregunta da quen prefiren as e os cidadáns para liderar o Goberno español neste momento de pandemia.

O líder do PPdeG e presidente da Xunta é o preferido para apenas 1,1% das persoas entevistadas, só por diante do presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, que obtivo 0,8%. Segundo este estudo do CIS, 35,5% escolle a Pedro Sánchez, mentres que 12,5% preferiría que fose Pablo Casado o presidente do Goberno.

En canto a estimación de voto, o PSOE figura este mes cunha estimación de voto de 31,2%, sete décimas por baixo do seu dato de marzo, pero aínda así segue tres punto por encima de 28% co que gañou as últimas xerais.

Mentres, o PP aparece agora cun respaldo de 21,1%, algo mellor que nas xerais do 10N e un punto e medio por encima do resultado que o centro público dáballe hai un mes. BNG mantense cunha estimación de voto de 0,5 por cento.

Por sexo e tamaño da poboación

1% dos homes entrevistados e o 1,2% das mulleres dixeron que preferían a Feixoo como presidente do Goberno españoll; mentres que 2,2% dos maiores de 65 anos tamén o elixiu a el. Nesta franxa de idade, Pedro Sánchez é o elixido polo 36,9 % e Pablo Casado, polo 18,1%, seguidos do líder de Vox, Santiago Abascal, cun 4,6%.

Ademais, o 1,6 % dos entrevistados de concellos de entre 100.001 e 400.000 habitantes elixirían o presidente da Xunta para presidir o Goberno central, unha franxa na que o 34% escolle a Pedro Sánchez e 12 % a Pablo Casado.

Comentarios