En Marea cede dúas décimas a respeito de outubro

CIS: lixeira recuperación do PSOE e significativa queda do PP

Sen cabeza orgánica aínda, o PSOE recupera posicións no taboleiro eleitoral. O último inquérito do CIS -realizado no período 2-12 de Xaneiro- outorga ao PSOE 18,6 por cento dos apoios, 1,6 máis do que en outubro. É cuase o que perde o PP, que pasa de 34,5 a 33 por cento.

ELECCIONS VOTACIÓNS
photo_camera Un colexio eleitoral durante as lexislativas xerais de xuño de 2016

O PSOE estaría a recuperar apoios perdidos, embora aínda fica lonxe do seu resultado nas xerais de xuño. Daquela tivera 22,7 por cento, un score que lle permitiu reter, contra prognóstico, a condición de segunda forza no Congreso. Agora o CIS dálle 18,6 por cento.

O gaño do PSOE a respeito de outubro correspóndese practicamente co que cede o PP no mesmo período, 1,5 pontos de voto.

Estaría, portanto, a haber unha transferencia de apoios desde a formación conservadora a un partido, o socialista, que viabilizou a investidura de Rajoy ao se abster na segunda votación da investidura.

Mentres, Unidos Podemos continúa sorpassando o PSOE, con 21,7 por cento, 6 décimas máis que nas xerais e unha menos que na toma do CIS de outubro. Aparentemente non estaría a pagar os seus conflitos internos.

A confluencia galega, En Marea, si cedería dúas décimas a respeito de outubro, pasaría de 1,6 por cento a 1,4 por cento, que é exactamente o seu resultado das xerais.

Si que se podería deducir, pois, que En Marea acusa -se ben levemente- os avatares da súa vida interna, tendo en conta que o inquérito se realizou nas vésperas das súas primarias.

Canto ás formacións soberanistas, Esquerra Republicana obtería 3 por cento (2,63 nas xerias de xuño), o Partit Demòcrata Europeu Català, 1,7 (2,01); PNV, 1,8 (1,20) e Bildu, 0,9 (0,77).

Comentarios