O barómetro do CIS aponta a unhas eleccións abertas o 12-X

PP obtén 34,7% da intención de voto directo e BNG pasa a ser segunda forza

En voto máis simpatía PSdeG, Galicia en Común e BNG suman 40,2%, máis do que obtén o PPdeG (38,7%)

Só Feixoo e Ana Pontón obteñen o aprobado entre as persoas enquisadas.

Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera (Polaris / Contacto)

O traballo do CIS correspondente ao mes de xuño contén unha ‘submostra’ dedicada a Galiza e Euskadi, territorios que teñen cita coas urnas o vindeiro 12 de xullo.

No que se refire a Galiza, o traballo indica que, á pregunta de ‘a quen votará vostede o 12-X’, a resposta espontánea sinala que 34,7% das persoas enquisadas responderon que ao PP, 14,1% ao PSdeG, 14,8% ao BNG -que pasaría ser segunda forza- e 2,5% a Galicia en Común. Así pois, o PPdeG lograría máis apoio que as tres forzas da oposición xuntas, que suman 31,4%.

En voto máis simpatía as tres forzas da oposición suman 40,2%, máis do que obtén o PPdeG (38,7%). 

Os resultados varían lixeiramente coas respostas á pregunta que inquire polo voto máis simpatía: o PP lograría aquí 38,7% mentres que PSdG atinxiría 18,6%, BNG 17,6% e Galicia en Común, 4,7%. Vox lograría 0,6% e Ciudadanos, 0,5%. Aquí as tres forzas da oposición suman 40,9%, máis do que obtén o PPdeG. 

En canto á pregunta de quen preferiría a persoa enquisada que fose presidente da Galiza, 53% opta por Núñez Feixoo, mentres que 12,5% escolle Ana Pontón, 12,3% Gonzalo Caballero e 1,4% Gómez Reino.

En canto á nota que as persoas enquisadas dan aos candidatos e candidatas a estas eleccións, Feixoo é o que obtén mellor cualificación: 6,1; seguido de Ana Pontón, cun 5. O resto de candidatos suspenden: Gonzalo Caballero con 4,9; e Gómez-Reino con 3,9.  

Un 61% das persoas entrevistadas nesta mostra do CIS afirmaron que ían ir votar o 12 de xullo "con toda seguridade", mentres que aquelas que manifestan que non van exercer este dereito é 5,4%.

Hai catro anos

Nas eleccións de 2016, o PPdeG lograra 47,5% dos votos, mentres que En Marea obtivo 19%, PSdeG 17,8% e BNG 8,3%.

Euskadi

No caso vasco, o PNV ten 39,3% de apoio en intención de voto + simpatía, moi por riba de EH Bildu (12,9%), que se mantén como segunda forza, PSE (11,3%) e Podemos (8,4%).

Comentarios