O CIS confirma a emerxencia de Podemos e o declive do bipartidismo

A enquisa sitúa o Partido Popular como terceira forza en intención directa de voto, por detrás de Podemos e o PSOE. O Bloque baixa unha décima.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou esta cuarta feira (5 de novembro) o barómetro de outono. Nos resultados tirados polo inquérito Podemos sitúase como a primeira forza política en voto directo co 17,6%, seguido do PSOE (14,3%) e PP (11,7%)

Segundo as estimacións de voto, no entanto, Podemos situaríase como terceira forza co 22,5%, fronte PSOE (23,9%) e PP (27,5%). Cos resultados coñecidos hoxe o CIS conforma a emerxencia da organización liderada por Pablo Iglesias e o declive do bipartidismo español. 

Pola súa banda, Izquierda Unida fica relegada como cuarta forza en voto directo (3,7%) o que lle supón unha importante queda a respeito do barómetro do mes de xullo en que recollía o 6,2%. De igual maneira, en relación coa estimación de voto a organización liderada por Cayo Lara cae do 8,2% ao 4,8%. 

19,5% das persoas enquisadas asegura "non saber" a quen votaría nas eleccións ao Parlamento español e o 15,7% sinala que "non votaría"

A forza galega, o BNG, perde unha décima en ambas as dúas variábeis en relación con hai tres meses. A organización nacionalista recolle o 0,1% en intención directa de voto e o 0,4% en estimación de voto. Na enquisa publicada no mes de xullo o CIS outorgáballe 0,2% e 0,5% respectivamente. 

A respeito das organizacións de Euskal Herria e Catalunya a tendencia tamén apunta á baixada, agás no caso de CiU, en relación co pasado mes de xullo. Segundo o CIS, ERC contaría cun voto estimado do 2,3% (3,3% en xullo), Amaiur co 0,9 (1% en xullo) e o PNV mantense co 1%. Pola súa banda, CiU recolle segundo o barómetro de outubro o 3,8% na estimación de voto, fronte o 2,9% que lle outurgaba o centro en xullo. 

Así as cousas o 19,5% das persoas enquisadas asegura "non saber" a quen votaría nas eleccións ao Parlamento español e o 15,7% sinala que "non votaría"
 

Rajoy non xera "ningunha" confianza

No tocante á valoración do contexto político e económico as persoas enquisadas polo CIS sinalan o desemprego (76%) como o principal problema do Estado español, seguido da corrupción (42,3%), @s polític@s (23,2%) e a sanidade (11,8%). 

Segundo o inquérito a cidadanía valora como "moi mala" (41,2) ou "mala" (27,7) a xestión de goberno do executivo de Mariano Rajoy. O presidente español, asemade, cae en picado na valoración cidadá pois o 61,1% das persoas enquisadas di non sentir "ningunha" confianza nel. 

Comentarios