O CIS coloca Cs por diante dun PP en caída libre

Un PP por debaixo do 20 por cento do voto. Un PP terceira forza e lonxe da segunda. Un PP que perde de vez o monopolio do espazo da dereita. Ese é o panorama que deita o barómetro de outubro do CIS. Tomba o partido de Pablo Casado e racha o seu teito o PSOE de Pedro Sánchez, con 31,6 por cento. En Marea volta a caer, após a recuperación de setembro.

Albert Rivera en Vigo (Foto: Ciudadanos)
photo_camera Rivera, nun acto en Vigo.

A deriva dereitista de Pablo Casado —dirixente que nos últimos tempos ten dedicado unha enorme atención á emerxencia dos ultras de Vox— non está a ser rentábel, no mínimo no curto prazo, na conta de resultados demoscópicos da formación da gaivota. Iso é o que se tira do último barómetro do CIS, que coloca o partido outrora hexemónico da dereita española —e aínda o maioritario no Congreso e no Senado— por debaixo do CIS e nada menos que a 13,4 puntos do PSOE de Pedro Sánchez.

En voto directo na enquisa do CIS só 12,6 por cento das persoas entrevistadas declaran intención de votar o PP nunhas xerais. En estimación de voto (isto é, após os datos pasaren pola cociña), o instituto público outorgaría á formación conservadora un 18,2 por cento sobre o voto ás candidaturas nunhas eventuais eleccións. Un resultado catastrófico, 2,2 puntos por debaixo do xa calamitoso barómetro de setembro.

O correlato case automático da caída do PP, funcionan como vasos contaminantes, é o incremento das expectativas de Ciudadanos, que se situaría en 21 por cento, 1,5 máis que en setembro.

E Vox? Como lle vai á obsesión de Pablo Casado? Máis menos como no barómetro anterior, en realidade unha décima menos, chantado en 1,3 por cento. Ese voto, moi concentrado en Madrid, outorgaría con toda seguranza representación no Congreso aos ultras dirixidos polo ex dirixente do PP Santiago Abascal.

Coa dereita dividida impera o PSOE. O voto directo na enquisa, 21,7 por cento (lembremos: 12,6 por cento PP). Pasado pola cociña, 31,6, o que vén representar un aumento de 1,1 por cento. No flanco esquerdo de Ferraz tamén cotiza á alza Unidos Podemos. O conglomerado político liderado por Pablo Iglesias arrecadaría 17,3 por cento dos apoios, 1,2 máis que en setembro. Por parroquias as noticias non son igual de boas para todos. En concreto, son bastante más para En Marea, que volta a baixar con certo estrépito: se en setembro o inquérito lle outorgaba 1,1 por cento de voto final estimado, desta volta prognostica un magro 0,6, na liña do traballo de agosto (0,7).

Canto ás forzas soberanistas, o oráculo demoscópico por excelencia pinta un cadro con tendencia á baixa. ERC, 4,3 por cento (4,1 en setembro); PDeCAT, 1,4 (1,9); EH Bildu, 0,8 por cento (1,1). Só sobe, apenas unha décima, EAJ-PNV, de 0,9 a 1 por cento.

Comentarios