CIS: O ‘efecto’ Sánchez leva o PSOE a subir 5 puntos fronte un PP que cae até mínimos de 2015

Os socialistas consolídanse como principal forza da oposición (24,9%) e o PP cae a 28,8 por cento. Unidos Podemos e confluencias suman 20,3%, 6 décimas máis que na anterior enquisa do CIS, e Ciudadanos baixa levemente. 

Pedro Sánchez PSOE Flickr PSOE
photo_camera Pedro Sánchez PSOE Flickr PSOE

O CIS de xullo trae boas novas para Pedro Sánchez. É o máis valorado dos líderes das catro principais forzas españolas e o seu partido e o PSOE, dá un salto de cinco puntos, colocándoo a catro do PP e situando os socialistas de maneira clara como principal forza da oposición, un rol que anteriores enquisas do Centro de Investigacións Sociolóxicas ben partillaban con Unidos Podemos ou ben non tiñan, sendo terceira forza con diferenza.

O PP semella que paga o prezo da corrupción e cae até mínimos que non rexistrada desde 2015. De haber agora unhas eleccións os populares obterían 28,8% dos votos, case tres puntos menos que no CIS de abril (31,5%) e cinco menos que no de febreiro. Esta queda, ademais, non vai recalar en votos para Ciudadanos, como se podería agardar e ten acontecido con anterioridade. Os de Albert Rivera tamén baixan. Pasan do 14,9% dos votos que lles daba o CIS de abril aos 14,5% de xullo.

Así pois, se o centrodereita sumaba en abril 46,4% dos votos e o CIS sinala que terían agora 43,3%.

O PSOE vai como un foguete, de atender os datos do CIS. Obtería 24,9% dos votos, superando claramente os terceiros (Unidos Podemos) e achegándose a catro puntos dos populares. No CIS de abril dábanlle 19,7% dos votos, empatados con UP, e no de febreiro 18,6%, moi por baixo do conglomerado que ten en Pablo Iglesias o seu rostro máis coñecido.

Unidos Podemos sobe. De haber comicios lograría, canda as confluencias, 20,3% dos votos, 6 décimas máis do que lle atribuía o inquérito de abril, se ben é 1,4% menos que en febreiro. Unidos Podemos lograría 12,8%, Compromís-Podemo, 2,6% e En Comú Podem, 3,7% -sería primeira forza en Catalunya-. O CIS dálle a En Marea 1,2% dos votos, a mesma porcentaxe que no traballo de abril e 2 décimas menos que no de comezos de ano. En outono pasado, o CIS outorgáballe 1,6% de voto.

O Centro de Investigacións Sociolóxicas non trae bos resultados para o soberanismo. ERC tería 2,9% dos votos (3% en abril), PDeCat, 1,7% (2% no anterior CIS). No que atinxe ás forzas vscas, PNV manteríase en 1,2% -lonxe do 1,8% de xaneiro- e EH Bildu caería do 1,2% de abril ao 0,8% que lle dá o CIS agora.  

Comentarios