Cimeira internacionalista contra a troika

A alternativa ás políticas de austeridade da troika é a conquista da soberanía. As forzas nacionalistas e de esquerdas reunidas na cimeira convocada en Bilbo -entre elas o BNG- coinciden á hora de rexeitar ás políticas impostas pola UE e defenden a súa vía diante da troika: “cambio social e soberanía”.

Xavier Campos
photo_camera Xavier Campos

Troika go home! Foi a lenda que congregou en Bilbo membros de forzas soberanistas e de esquerdas de toda Europa, convocadas por EH Bildu. En representación do BNG asistiu o membro da executiva Xavier Campos que definiu o modelo da UE como “xeneticamente antidemocrático e antisocial”. “Non é posíbel reformar a Unión Europea”, defendeu o representante galego na cimeira.

"O  modelo da UE é xeneticamente antidemocrático e antisocial”, defendeu Xavier Campos. 

O discurso de Xavier Campos centrouse en transmitir a posición histórica do BNG a respecto de Europa como un “problema e non a solución”, afirmación que argumentou aportando datos dos efectos negativos que as políticas de austeridade impulsadas pola troika están a ter sobre os nosos sectores produtivos. “As políticas da UE son un fracaso e secuestran a soberanía. O que nós defendemos é poder producir para poder vivir”, dixo Campos. “O social e o nacional teñen que ir xuntos. Para o BNG a soberanía é fundamental para facer fronte ás políticas que veñen impostas desde Madrid e desde a troika”, afirmou Xavier Campos. 

De Syriza ao Sinn Fein

Canda o BNG participaron nas xornadas promovidas po EH Bildu representantes do Sinn Fein (Irlanda), UDB (Bretaña), Die Linke (Alemaña),  Syriza (Grecia), Bloco de Esquerda de Portugal, Sinistra Ecologia Liberta (Italia), Die Linke (Alemania), CUT-Bai (Andalucía) ou UDB (Bretaña)

"EH Bildu instou os estados a favorecer “o proceso de paz e normalización política”

No inicio do encontro internacional, EH Bildu instou os estados a cambiar de actitude e favorecer “o proceso de paz e normalización política”. Foi o candidato por EH Bildu ás eleccións europeas Josu Juaristi quen iniciou unha xornada que reunía as ponencias baixo o título “Ante a Troika, a nosa vía: cambio social e soberanía”. Juaristi referiuse á cimeira convocada en Bilbo para o día 3 de marzo como “a data elixida pola elite financeira e económica, a mesma que é responsábel da actual vulneración de dereitos sociais e laborais, para escenificar en Bilbo o respaldo institucional e dalgunhas multinacionais ás políticas de austeridade e recortes impulsadas pola troika”. Optou pola democracia social fronte á imposición das políticas de austeridade desde os centros de poder de decisión da troika. Reclamou tamén Juaristi unha urxente e necesaria “rexeneración democrática para rematar coa supeditación das decisións políticas aos interese das corporacións privadas”.  

Os representantes das organizacións de esquerda europea convocados en Bilbo deron conta de como as políticas da troika están a provocar un maior empobrecemento das clases populares.

Comentarios