CIG pide o apoio para unha "voz" que dea continuidade ao traballo do BNG no Congreso

A central nacionalista emite unha declaración institucional en que se posiciona a favor dun "cambio de goberno no Estado" e, ao mesmo tempo, a prol dunha representación galega nas Cortes do Estado "sen ataduras a estratexias españolistas".

VI Congreso CIG
photo_camera Imaxe do VI Congreso da CIG [GalizaCIG.gal]


O 20D é o "momento de actuarmos con coherencia e con dignidade", argumenta a CIG na súa Declaración Institucional perante as eleccións xerais deste domingo. Iso pasaría por complementar agora coa "acción de voto" a intensa mobilización protagonizada pola central nacionalista durante estes anos de goberno Rajoy contra as políticas "antiobreiras e antigalegas". 

En que sentido habería que exercer esa "acción de voto"? A xuízo da CIG, no sentido de impedir "que aqueles que son responsábeis desta perda de dereitos, de calidade de vida e da ruína de Galiza, podan seguir a gobernarnos, sexa coa careta vella (PP) ou coa nova (Ciudadanos).

A CIG insta a "votar pola nosa xente, por aquela candidatura galega que sabemos que vai estar connosco na rúa e no Parlamento español  

Mais non chegaría con propiciar un cambio de goberno, afirma a CIG, "se non conseguimos que exista, alí no Parlamento español, unha voz, como foi a do nacionalismo galego representado polo BNG nos últimos anos, que sen ataduras a estratexias españolistas, traballe, promova iniciativas e faga uso da palabra as veces que sexa preciso para defender os nosos sectores produtivos, as nosas infraestruturas, o noso medio natural, as nosas e os nosos emigrantes retornados, o dereito á negociación colectiva na nosa terra, a unhas pensións dignas, a un traballo e uns servizos públicos de calidade, a un aborto con garantías e sen restricións, a normalización do noso idioma e o dereito a exercer libremente a nosa soberanía como nación".

A CIG defende "exercer como galegos e como galegas o día 20 de decembro" e insta a "votar pola nosa xente, por aquela candidatura galega que sabemos que vai estar connosco na rúa e no Parlamento español cando se trate de defender os nosos dereitos e os nosos intereses como nación e como pobo traballador", para concluír a dicer que "depende de nós e só de nós".

Comentarios