A CIG levará á Fiscalía a "manipulación" do informe do Consello de Contas por parte da Xunta

A central sindical nacionalista acusa o goberno galego de querer trasladar á opinión pública a imaxe dunha utilización fraudulenta dos fondos de formación por parte de organizacións como a CIG. 

CIG
photo_camera [Imaxe CIG]

Após a publicación do informe do Consello de Contas de Galiza en que se recollen polo miúdo as subvencións concedidas pola Xunta de Galiza para cursos de formación, e das informacións publicadas ao respeito, a Confederación Intersindical Galega (CIG) avanzou esta cuarta feira (5 de novembro) que presentará unha denuncia perante a Fiscalía pola "manipulación" que ao seu entender está a cometer a Xunta de Galiza dos devanditos dados. 

Neste senso, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o secretario confederal e apoderado da forGa, Anxo García Torres, aseguraron en comparecencia de imprensa que "diante da utilización perversa e da manipulación que se está a facer do Informe do Consello de Contas, co que se pretende trasladar a opinión pública a imaxe dunha utilización fraudulenta dos fondos de formación, entre outras organizacións por parte da CIG". 

Informacións "difamatorias"

Segundo a central sindical existe unha "intencionalidade política" na difusión destas informacións que vinculan a súa organización cun suposto fraude na obtención das axudas e é que, sinalan, o que se pretende é “tapar as denuncias de malversación de fondos públicos e de uso fraudulento dos fondos de formación por parte das empresas Operación Zeta-, con graves implicacións no propio PP e dalgúns dos seus dirixentes", para o que o PP tentaría "dar a imaxe" de que "todas as entidades formación facemos un uso fraudulento e corrupto dos recursos".

Neste senso Seixo e García avanzaron que entregarán o informe perante a Fiscalía para "que quede irrefutabelmente probado que por parte da CIG non houbo utilización fraudulenta nin delituosa no uso destes fondos públicos". Aliás, apuntaron, solicitarán "unha rectificación pública" por parte dos medios de comunicación que publicaron informacións "denigrantes" para a CIG baixo o epígrafe 'Los escándalos de la corrupción'. De non se proceder á rectificación, advertiron, denunciarán un presunto delito de "difamación e inxurias".

Prevaricación na adxudicación

Así mesmo, desde a CIG sinalaron que presentarán unha "querela por prevaricación" contra o goberno galego por "discriminación" na adxudicación dos cursos. A central sindical asegurou que posúe "15 sentenzas do TSXG" que recoñecen a existencia dese feito e "fan chamamentos expresos á Xunta para que 
remate con esta actitude, indicándose incluso que a Xunta “está a actuar con mala fe e temeridade respecto dos cursos de formación que lle está a denegar de forma continuada á central sindical”.

Comentarios