Bon dato de En Marea

O CIS debuxa unha esquerda á baixa, un PP como segunda forza e un Vox que ten un medre moderado

No barómetro de decembro, o cuestionado oráculo de José Félix Tezanos volta a colocar o PSOE en liña descendente. Se en novembro a escadra de Pedro Sánchez alcanzaba 31,2 por cento do voto, desta volta ficaría en 28,9. Mentres tanto, o conglomerado liderado por Podemos sofre unha caída con tintes dramáticos, do 18,1 por cento pasaría a apenas 14,9. En Marea, en troca, duplicaría os seus resultados a respecto do mes anterior, do 0,6 a 1,2.

vox en madrid
photo_camera Vox continúa o seu ascenso

O PSOE continúa a liderar o ranking de preferencias do electorado español, mais cada vez con menos apoios. Contodo, o partido liderado por Pedro Sánchez avantaxaría o segundo clasificado, o PP, en 9,8 puntos, 28,9 fronte a 19,1.

Non é má noticia para Pablo Casado que por segundo barómetro consecutivo o CIS coloque o PP por diante de Cs. Os de Rivera deíxanse desta volta 0,3 décimas polo camiño, até totalizar 17,9 por cento do voto estimado. O lenzo da dereita completaríao Vox, que continúa o seu ascenso, ao pasar de 2,7 por cento a 3,7 por cento, o que presumibelmente lle garantiría representación no Congreso e non só pola circunscrición de Madrid. En todo caso, a estimación de voto para a ultradereita é moi inferior á que lle están a outorgar institutos demoscópicos privados.

O prognóstico de Tezanos é desta volta bastante inmisericorde coas confluencias que capitanea Pablo Iglesias. A oscilación a respecto de novembro é abrupta, ao ceder 3,2 puntos, unha caída que sorprende pola súa envergadura sen que neste último mes se teña detectado ningún fenómeno especialmente significativo arredor da marca rupturista que puidese xustificar tal debacle. Safaría, porén, a confluencia galega, paradoxalmente nun momento en que se debruza sobre o abismo, até con perspectivas escisionistas no horizonte. O CIS prognosticaría 1,2 por cento de voto para o partido instrumental, xusto o duplo da estimación de novembro.

Canto ás forzas soberanistas catalás, baixa unha décima ERC (4,7 por cento), en tanto que o PDeCAT volta aos seus rexistos normais (de 0,8 a 1,4), En Euskadi, o PNV deixa atrás a pouca verosímil predición de novembro (0,8) e retoma o seu tradicional liderado, cun 1,4 por cento que lle permite superar a esquerda abertzale. EH Bildu tería desta vez 1,1 por cento, unha décima máis que no barómetro anterior.

Comentarios