A Galiza vota

As cifras dos comicios xerais

Na Galiza hai máis de 2,2 millóns de persoas chamadas a acudir aos colexios electorais este domingo. Son 3.000 menos que en abril. As galegas e galegos escollen o 10-N un total de 23 representantes para o Congreso e 16 para o Senado.

Colexio electoral na Coruña
photo_camera Colexio electoral na Coruña

Por terceira vez no ano acoden as galegas e galegos aos colexios electorais. Após votar en abril ao Congreso e o Senado e en maio aos concellos e ao Parlamento Europeo, o Estado viuse abocado a repetir as eleccións xerais.

Un total de 2.237.423 galegas e galegos teñen dereito a voto, o que supón 3.193 menos que nas eleccións xerais do mes de abril. A este total de electoras e electores hai que sumar 461.225 (3.316 máis que en abril) do censo de residentes ausentes (CERA), que tamén foron chamados a votar. Delas, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, aceptouse o voto de menos de 28.000.

928.251 electoras e electores correspóndense coa circunscrición da Coruña, 772.766 coa de Pontevedra, 277.229 con Lugo, e 259.177 coa de Ourense.

11.371 persoas poderán votar por primeira vez na Galiza ao cumpriren 18 anos. Delas, 4.674 son da circunscrición da Coruña, 4.524 de Pontevedra, 1.114 de Lugo e 1.059 de Ourense.

Máis de 59.000 electoras e electores residentes na Galiza solicitaron o voto por correo. Correos ratificou que a sexta 8 de novembro que xa custodiaba o voto de 44.301 galegas e galegos.

A cidadanía galega poderá optar entre 46 candidaturas ao Congreso (fronte ás 49 de abril) e 44 ao Senado (nos últimos comicios xerais foron 47).

A Galiza ten 7.908 urnas

Nos colexios electorais da Galiza hai 26,2 millóns de papeletas (23,9 millóns para o Congreso e 2,27 para o Senado), 3,5 millóns menos que en abril.

Haberá tamén 3.954 mesas electorais (dúas menos que en abril) dispostas en 2.416 locais (os mesmos que nos anteriores comicios) con 7.908 urnas (catro menos). Temos na nación 11.862 membros de mesa (seis menos).

A Delegación do Goberno tamén destacou que sobresae o crecemento de solicitudes de kits para votantes con discapacidade visual, que ascende a 119.

Esta cifra supón que case se multiplica por catro o número de solicitudes realizadas na última cita, que foi entón de 33.

Comentarios